[02-12-2016] O Concello de Ames organizou este venres un acto na Casa do Concello para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra todos os anos o día 3 de decembro. O alcalde, José Miñones, e a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, acompañados de varios concelleiros e concelleiras do goberno municipal e doutros grupos municipais da corporación, recibiron aos integrantes da asociación Arcea-Adames no salón de Plenos, e de seguido, baixaron á praza do Concello, onde realizaron unha solta de globos.
Os integrantes da asociación Arcea – Adames, acompañados dunha das súas monitoras, Natalia, e do seu presidente, Juan Sastre, foron os protagonistas do acto que organizou este venres o Concello de Ames para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A outra monitoria de Arcea-Adames, Cristina, non puido asistir por motivos persoais, polo que desculpou a súa ausencia.
Os integrantes desta entidade, creada en 2003 como iniciativa duns pais e titores de persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de adoptar todas as medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas e a dos seus familiares, foron recibidos no salón de Plenos da Casa do Concello polo alcalde, José Miñones, e a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, que estiveron acompañados da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, do concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, do concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, da voceira do grupo municipal de Ames Novo, Pilar Candocia e do concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo.
O rexedor municipal foi o encargado de darlles a benvida á Casa do Concello. Tras a intervención de José Miñones tomaron a palabra a monitora e mailos integrantes de Arcea – Adames que leron unha serie de desexos para contribuír a crear unha sociedade máis igual e xusta. Que todas as persoas poidan aprender a ler e a escribir; que non haxa pelexas, violencia, xente que viva na rúa, tristeza, racismo, odio; que a veciñanza abra o seu corazón para crear unha sociedade inclusiva; que se derruben as barreiras que non permiten moverse con liberdade; que haxa amor e respecto, foron algúns dos desexos pronunciados polas persoas que integran esta entidade.
Antes de finalizar a recepción a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, agradeceulles “a dispoñibilidade que mostran sempre” e destacou que “Arcea-Adames non é soa unha asociación, senón que sodes unha gran familia”. De seguido, todos e todas baixaron á praza do Concello onde realizaron unha foto de grupo e realizaron unha solta e globos.








