Pestanas principais

Os grupos Paramilicia de Xamaica, Os Tikis de Maoui e Os García gañan o Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Mércores, 21 de decembro de 2016

[21-12-2016] Oito grupos de rapazas e rapaces presentáronse este ano á sexta edición do Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!, convocado polo Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación. Esta iniciativa pretende fomentar, dunha forma creativa e orixinal, o uso do galego entre a mocidade. Os premios entregáronse este martes, 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro nunha gala conducida e presentada por Marián Bañobre e Isabel Risco de Ibuprofeno Teatro. Por primeira vez os grupos gañadores coñecéronse na gala de entrega de premios.

Este ano a obra As Tartarugas do Congo, do grupo Os Tikis de Maoui, foi a que conseguiu conquistar ao público amesán polo que levou o premio do público. Os seus autores son os alumnos Alba García Tarrío, Olga Prados Nieto, Emma Dopico Bermúdez, Brais Guerra Dosantos e Álvaro López-Caredo Prieto, do Colexio Alca. O xurado destacou á peza Soltar a lingua, do grupo Os García, polo seu guión no que se aborda a importancia de denunciar os casos de violencia de xénero. Este premio recaeu nos irmáns Ana García Otero e Sergio García Otero, estudantes do IES de Ames (Bertamiráns). Por último, o premio á mellor interpretación foi para a obra Olliño con Gumersindo!!, do grupo Paramilicia de Xamaica. Este grupo, formado por Carlos Treviño Balboa, Carlos Sánchez Rodríguez, César Balboa Rial, Íñigo Alonso Abalo e Pedro Vadím Díaz Martínez, é tamén do Colexio Alca.

Por primeira vez os grupos gañadores coñecéronse na gala de entrega de premios, que este ano estivo conducida e presentada por Marián Bañobre e Isabel Risco de Ibuprofeno Teatro. Esta compañía foi a encargada de darlles a xornada de formación ao alumnado que participou neste concurso. O Concello de Ames repartiu un total de 600 euros entre os premiados, cunha dotación de 200 euros por cada un dos premios. Os encargados de facer entrega dos premios foron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e mais a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena.

Participación no Concurso Radiofónico de Teatro Lido
Ao Desata a Lingua presentáronse 8 grupos de rapaces e rapazas: 4 grupos do IES de Ames, 3 do Colexio Alca e 1 do IES do Milladoiro. Os textos están escritos e locutados en lingua galega. A temática foi libre, aínda que se valora que estea relacionada con algún tema de actualidade.

O IES de Ames achegou 4 pezas, a maior representación desta edición do concurso radiofónico de teatro lido: O tío James, Soltar a lingua, O achado do Castro e Un día un tanto especial. Pola súa parte o colexio Alca presentou un total de 3 pezas: Olliño con Gumersindo!!, Estranxeirismos e As tartarugas do Congo. Finalmente o IES do Milladoiro participou cunha obra: Quita do medio que non es transparente!

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que dende o goberno municipal “se vai seguir apostando e reforzando a radio municipal, Ames Radio, con actividades desta índole”. Así mesmo, incidiu en que “este tipo de concursos serven para que os rapaces e rapazas aprendan a elaborar un guión, locutar e ver como se traballa nunha radio municipal. A través desta actividade o alumnado amesán tamén puido coñecer as instalacións da radio municipal”.

Por outra banda, a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, agradeceu o traballo feito polo persoal municipal dos departamento de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade. “Seguiremos apostando por proxectos como este nos que hai unha colaboración entre diferentes departamentos municipais. Ademais, este tipo de actividades permiten implicar á mocidade na fala do galego, así como mellorar as súas dotes interpretativas e de locución”.

Minutos de silencio en contra da violencia machista
Antes de comezar a Gala de entrega de premios do VI Concurso radiofónico de teatro lido, houbo unha concentración en contra da violencia machista, diante da Casa da Cultura do Milladoiro, organizada polo Concello de Ames. Asemade, este martes, a Plataforma Feminista Galega (PFG) organizou unha concentración contra as violencias machistas na praza da Maía de Bertamiráns. Ambas as concentracións organizáronse despois do acontecido nos últimos días, nos que asasinaron catro mulleres, dúas delas en Galicia e outras dúas en Cataluña. Nestas concentracións participaron varios membros do goberno municipal, concelleiros/as dos grupos políticos que forman parte da corporación municipal e moitos veciños e veciñas de Ames.