Pestanas principais

Os grupos Killo Karallo e La Nasa actuarán o sábado 12 de novembro no anfiteatro do Milladoiro

Sábado, 05 de novembro de 2022

O anfiteatro do Milladoiro acolle este sábado 12 de novembro, ás 13:30 horas, o concerto “Anfiteatro en vivo”, que reunirá na localidade a varios artistas do concello e da comarca que comezan a despuntar no mundo da música. Actuarán os grupos Killo Karallo e La Nasa.

A Concellaría de Mocidade de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), organiza un novo concerto no anfiteatro do Milladoiro. Situado na avenida do Muíño, en fronte á nova igrexa da localidade, o anfiteatro é un espazo aberto e un punto de encontro para a mocidade nos arredores do IES Milladoiro e da zona deportiva do municipio. Dende a súa construción foi escenario doutras actividades dirixidas á xuventude, como diversos concertos, o obradoiro de rimas en galego “CeibaRimas” ou o ciclo de cine ao aire libre.

Nesta ocasión, acollerá as actuacións de bandas noveis e emerxentes da comarca, que chegan cargadas de creatividade e que buscan abrirse un oco no panorama musical dos arredores. O concerto terá lugar o día sábado día 12 de novembro, ás 13:30 horas, cos integrantes dos grupos Killo Karallo e La Nasa como artistas invitados para animar a sesión vermú.

Killo Karallo é unha banda que comezou a súa andadura no verán do 2021 e xa está gravando os seus primeiros temas de estudo. Está formada por cinco integrantes: César á voz, Martín á guitarra, Sam ao trombón e aos teclados, Nacho ao baixo e Borja á batería. A banda parte de sons de funk-rock, que fusionan con toques flamencos, facendo unha mistura moi fresca e enerxética para bailar.

Pola súa banda, La Nasa é un grupo doutros cinco músicos na que se fusionan distintas idades, gustos e influencias variadas, partindo do rock como elemento común e movéndose a distintos xéneros de maneira innovadora e sorprendente. Confórmano Rubén, á batería, Dani, á guitarra e á harmónica; Diego, á guitarra e aos coros; Javi, ao baixo e tamén aos coros, e Pablo, á voz e á guitarra.

A entrada é de balde e para asistir ao concerto non é necesario preinscribirse.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Killo Karallo e La Nasa, no anfiteatro do Milladoiro"

Os grupos invitados son Killo Karallo e La Nasa

Multimedia

  • Os grupos Kiko Karallo e La Nasa actuarán o sábado 12 de novembro no anfiteatro do Milladoiro