Pestanas principais

Os grupos Agoraphobia, Ith e Biribirlocke puxeron son á sexta edición do Millarock

Luns, 08 de agosto de 2016

[08-08-2016] A praza da Madalena do Milladoiro foi o lugar escollido para celebrar a sexta edición do festival Millarock, que se enmarcou dentro da programación das festas do Milladoiro. Trátase dun lugar simbólico xa que nesta praza foi onde se celebrou a primeira edición deste festival de rock. Despois de que en 2011 se cancelase este evento cultural, o actual goberno recuperouno co obxectivo de consolidalo no tempo. Ademais, existe a intención de recuperar o concurso de bandas que se realiza de xeito simultáneo ao festival. Nesta ocasión o cartel do concerto estivo composto polos grupos Agoraphobia, Ith e Biribirlocke.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou o bo ambiente vivido no Millarock o pasado venres onde houbo un bo número de veciños e veciñas que se achegaron ata a praza da Madalena para ver e bailar coa música dos grupos Agoraphobia, Ith e Biribirlocke”. Santomil tamén incide en que “o obxectivo do goberno municipal era recuperar o Millarock durante o primeiro ano de mandato e así o fixemos. Este é un festival de rock que xa tiña un certo percorrido, pero que no ano 2011 o anterior goberno decidiu cancelar. Trátase dun evento que contribúe á promoción de grupo noveis e de xente nova”.

O cartel do VI Millarock estivo composto por tres grupos: Ith, Agoraphobia e Biribirlocke. Agoraphobia foi o primeiro grupo en subir ao escenario do Millarock. Paula Rego, batería, Susana Saavedra, cantante, Aislinn García e Sabela Sampedro, guitarras, e Lucía Fernández, baixo, ofreceron un pase de máis de unha hora de música en directo na que interpretaron varios temas nos que se puideron apreciar as raíces garaje, punk e rock deste grupo nado en Boiro.

O segundo grupo en saír o escenario foi Ith. Esta banda gañou o concurso de bandas do Millarock de 2011, pero non chegou a tocar en directo debido á cancelación do festival. Na actualidade Ith está composto por Lucía da Fonte, vocalista, Miguel Iglesias e J.L. Toxo ás guitarras, Gonzalo Suárez ao baixo e Miguel Filgueira á batería. Neste concerto os integrantes de Ith tocaron varios temas do seu último traballo, Forte. Un álbum completamente autoeditado, froito de nove meses de traballo de composición e tres de gravación e mestura nun estudo no Porriño.

Actuación do grupo local Biribirlocke
A actuación máis agardada do Millarock por ser a do grupo local, Biribirlocke, comezou á media noite. Este grupo de Ames volveu a tocar na súa terra despois de que xa tivera o seu bautismo musical tocando na Festa da Mocidade de Ames celebrada no ano 2010. Héctor, batería e coros, Pajón, guitarra, Torroncho, baixo, Martín, saxo, Roberto, trompeta, Roque, trombón, Amaro, saxo e Benja, voz, gastaron toda a súa enerxía no escenario e puxeron a bailar e a saltar ao público que se xuntou na praza da Madalena.