[10-11-2016] O Concello de Ames recibiu do Plan Provincial de Medio Ambiente 2016 unha subvención da Deputación da Coruña de 38.000 euros, en resposta a unha solicitude realizada no mes de xullo. Esta axuda servirá para financiar por unha banda o acondicionamento e sinalización da senda que discorre entre Bertamiráns e o lugar de Pousada, e por outra destinarase á brigada medioambiental que operará no municipio nos meses de novembro e decembro.
A finalidade do PMA 2016 é a mellora do entorno natural e a calidade ambiental da provincia da Coruña, apoiando o desenvolvemento nos concellos de políticas respectuosas co medio ambiente. Cada entidade municipal beneficiaria desta axuda pode empregar a cantidade asignada- que ascende a 38.000 euros no caso de Ames- en proxectos de investimento, aos que se destinará como mínimo o 50% do presuposto, ou en actividades, nas que se empregará como máximo o 50% da subvención recibida.
A Concello decidiu destinar a cantidade para investimentos no acondicionamento dunha senda que conecte Bertamiráns co lugar de Pousada “para desfrute de toda a cidadanía”. Así o explica Isabel González, concelleira de Turismo, Patrimonio e Participación Veciñal, incidindo no traballo conxunto de distintas concellarías para poñer en marcha sendas que constitúan á vez “nun paso máis para acadar un Ames máis saudable”. O concelleiro de Medio Ambiente, Javier Guldrís, recalca ademais que esta senda “ten un alto valor ambiental, o alumnado dos centros pode aproveitala para levar a práctica o aprendido nas aulas, observando os distintos ecosistemas que se aprecian no percorrido”. Dende o Concello agárdase que na primavera os traballos de limpeza, acondicionamento e sinalización da ruta estean rematados.
Por outra banda a brigada na que se investiu o resto da axuda da Deputación xa está en marcha. Está formada por un capataz e dous peóns, que traballarán “abrindo camiños que estaban practicamente pechados, necesarios para cando chega o verán e hai alto risco de incendios”. O concelleiro de Medio Ambiente engade que ademais colaborarán co seu departamento na elaboración “dun plan de prevención de incendios, comezando pola parroquia de Piñeiro”.




