[03-01-2018] Este xoves, 4 de xaneiro, as Casas da Cultura municipais acollerán a segunda das sesións que conforman o ciclo de cinema “Un Nadal de Cine”. A longametraxe infantil Gru 3, o meu vilán favorito será proxectada ás 17:00 horas no Milladoiro. Posteriormente, ás 19:00 horas, o filme Rogue One: Unha historia de Star Wars será exhibida en Bertamiráns. A xornada cinematográfica rematará este día ás 21:00 horas no Milladoiro coa película Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield; filme que quedou en segunda posición na votación realizada na páxina web municipal durante o mes de decembro. As entradas para as proxeccións están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames. O prezo por cada entrada é de 2 euros para maiores de idade e de 1 euros para menores de 18 anos.
A segunda das xornadas cinematográficas encadradas dentro do ciclo “Un Nadal de Cine” abrirase coa proxección do filme infantil Gru 3, o meu vilán favorito, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta terceira parte da saga Gru, o superheroe deberá enfrontarse a Balthazar Pratt, quen demostrará ser o seu peor inimigo ata o momento. Ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a exhibición da película Rogue One: Unha historia de Star Wars. Este spin-off, que estará dirixido a un público maior de 7 anos, relatará a construción da arma máis poderosa concibida polo Imperio Galáctico, a Estrela da Morte, e os plans dun grupo de rebeldes para roubala. O filme está ambientado entre os episodios III e IV de Star Wars.
A longametraxe que pechará a sesión de cinema deste xoves, 4 de xaneiro, será o filme de terror The Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield. A película, que quedou en segundo lugar na enquisa realizada na páxina web municipal co 18% dos votos, é unha secuela do afamado filme Expediente Warren do ano 2013. A secuela aborda, de maneira real, a investigación que levan a cabo os demonólogos Ed e Lorraine Warren, para axudar a unha nai que vive xunto cos seus catro fillos nunha casa repleta de espíritos malignos.
O filme gañador da enquisa realizada na páxina municipal foi Nunca apagues a luz ao acadar o 47% do total dos votos emitidos. A película pechou a primeira das sesións deste ciclo de cinema, que se celebrou o pasado 29 de decembro. As longametraxes Annabelle e Ouija: A orixe do mal ficaron empatadas en terceiro lugar ao obteren un 13% dos votos. As opcións menos valoradas foron Insidious 3 e Sinister 2 cun 5% e un 3% de votos respectivamente. A sesión do día 29 complementouse coa proxección dos filmes Capitán Calzóns: o seu primeiro peliculón e A Momia.
As entradas para as proxeccións deste xoves están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O prezo por cada entrada será de 1 euro para menores de 18 anos e de 2€ para maiores de idade. As entradas tamén se poderán adquirir desde unha hora antes do comezo das proxeccións nas propias Casas da Cultura municipais. A Billeteira electrónica pechará dúas horas antes do comezo de cada proxección. Cada persoa poderá adquirir un máximo de catro entradas.
Contido relacionado
Lindeiros: "Gru 3, Rogue One e The Conjuring II na segunda sesión do Nadal de Cine de Ames"