Pestanas principais

Os establecementos hostaleiros de Ames poderán abrir unha hora máis os días 28, 29 e 30 de abril

Venres, 21 de abril de 2017

[21-04-2017] Os locais hostaleiros, que conten con licenza en vigor, situados no municipio de Ames poderán ampliar o seu horario de peche nunha hora durante os días 28, 29 e 30 de abril con motivo das festas da Xuventude que este ano se celebra en Ames o día 30 deste mes. Dita ampliación do horario foi permitida debido ás xestións realizadas polo Concello de Ames ante a delegación territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ante as solicitudes presentadas por varios establecementos hostaleiros de Ames para poder ampliar unha hora o seu horario de apertura durante a última fin de semana de abril, o Concello de Ames realizou as xestións necesarias ante a Administración autonómica para acadar este permiso.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de comunicarlle ao Concello a concesión da ampliación dunha hora sobre os horarios límites de peche dos establecementos de hostalaría de Ames durante os días 28, 29 e 30 de abril con motivo das festas da Xuventude que este ano se celebra en Ames o día 30 deste mes.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “ante a solicitude de varios hostaleiros o Concello de Ames realizou as correspondentes xestións ante a Xunta de Galicia xa que a Administración local non ten competencias neste eido”. Isabel González tamén destacou que “cremos necesaria esta ampliación do horario durante a última fin de semana de abril, que se celebra a festa da Xuventude en Ames, porque é un xeito de potenciar o sector hostaleiro”.