[23-07-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, informa de que este sábado, 25 de xullo de 2015, os establecementos comerciais de Bertamiráns cunha superficie útil para a exposición e a venda ao público de ata 300 metros cadrados, excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa, poderán exercer a súa actividade dentro do horario habitual do mercado de rúa, é dicir entre as 16:30 e as 20:30 horas.
Segundo establece a Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, modificada pola Lei 1/2013, no seu artigo 5.2 os establecementos comerciais deberán permanecer pechados os días 1 de xaneiro, 1 de maio, 17 de maio, 25 de xullo e 25 de decembro.
A pesar disto no artigo 8 desta mesma lei establécese que estas restricións non afectan aos establecementos de venda de pastelería; repostería; churrarías; pan; pratos preparados; prensa; flores e plantas; as denominadas tendas de conveniencia; aos establecementos de venda de combustibles e carburantes. Poden abrir en Bertamiráns e no Milladoiro sen restrición horaria.
Esta restrición tampouco afecta aos establecementos comerciais situados no contorno inmediato da celebración de feiras e mercados tradicionais, durante o mesmo horario no que teña lugar o devandito mercado, sempre e cando dispoñan dunha superficie útil para a exposición e a venda ao público de ata 300 metros cadrados, excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El pequeño comercio de Bertamiráns podrá abrir este sábado"