[30-05-2018] A comezos de outubro botaban a andar os Espazos das Familias da man do Concello de Ames, nomeadamente da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy. Os Espazos desenvolvéronse semanalmente, os martes, no local de JUPEMI no Milladoiro, entre as 17:30h e as 19:00 horas. Ao longo das sesións, abordáronse cuestións tais como as prácticas educativas das familias, a importancia das normas e dos límites, a educación en igualdade ou os beneficios dunha alimentación saudable. No mes de xuño, os Espazos finalizarán cunha saída á piscina municipal e coa realización de dúas charlas coas familias, nas que se tratarán aqueles temas nos que menos se afondaron. A última das sesións tivo lugar este martes coa partilla dunha merenda á que asistiron ás familias participantes. Despois do período estival, os Espazos volverán retomar a súa actividade, estando abertos á participación de novas familias.
Semanalmente, ao longo do curso, oito familias amesás asistiron aos Espazos das Familias, que se desenvolveron os martes, no local social de JUPEMI (a asociación de persoas xubiladas), en horario de 17:30h a 19:00 horas. Inicialmente, estes Espazos estiveron dirixidos a crianzas entre os 0 e os 3 anos, porén debido ás características específicas das familias participantes finalmente ampliouse a franxa de idade ata os 6 anos. Este martes tivo lugar a última das sesións, na que as familias participantes compartiron unha merenda.
Ao longo do curso, a psicóloga educativa Olaia González Díaz foi a responsable de introducir ás familias nos temas que se foron tratando nas sesións e que estiveron ligados, principalmente, á primeira infancia. Desta maneira, as nais e pais participantes abordaron a importancia das normas e dos límites, o fomento da autonomía das crianzas, a educación en igualdade e emocional, o xeito de xestionar as perrenchas das máis pequenas e pequenos, os beneficios dunha alimentación saudable, as posibles formas de abordar a morte... A participación activa de cada familia foi fundamental neste sentido, xa que as sesións estiveron baseadas na posta en común das experiencias persoais de cada nai e pai para posteriormente, en conxunto, formular unha serie de conclusións orientadas ao establecemento dunhas prácticas educativas eficaces e positivas.
Ademais, as familias realizaron un par de saídas en cada trimestre. No primeiro, as nais e pais, acompañados das súas fillas e fillos e da psicóloga educativa, achegáronse ata un dos parques do Milladoiro. No segundo, as crianzas puideron explorar o entorno urbano grazas á realización dun paseo polas rúas da localidade. Así mesmo, nos tres trimestres, efectuáronse saídas á biblioteca para que as cativas e cativos puidesen coñecer o funcionamento deste servizo municipal.
No mes de xuño, as familias participantes realizarán a última das visitas, a correspondente ao terceiro trimestre. Deste xeito, aproveitando o bo tempo propio desta época do ano, as familias poderán gozar dunha tarde de piscina xuntas. Alén diso, os Espazos porán punto e final ao curso coa realización de dúas charlas, as cales estarán dirixidas exclusivamente ás nais e pais, é dicir, as crianzas deberán ficar estes días na casa. Nestas charlas falarase daqueles temas que, por unha cuestión de tempo, non se abordaron con suficiente profundidade nas sesións.
Os Espazos das Familias naceron coa vontade de convertérense nunha prolongación da seguridade afectiva que para as crianzas representa a familia; un obxectivo que se conseguiu con creces, en grande medida grazas á implicación das nais e pais participantes. A posta en valor da función educativa das familias, o recoñecemento e o respecto á infancia e ás necesidades de cada nena e neno foron tamén outros dos eixos centrais destes Espazos.
“Os Espazos das Familias teñen como obxectivo a creación dun espazo onde coñecerse, dialogar, reflexionar e compartir experiencias e ferramentas educacionais. Con esta experiencia pretendemos, dende un enfoque poboacional, transmitir os valores da parentalidade positiva, así como a importancia do xogo como ferramenta de comunicación. Os Espazos ofrécenlles a posibilidade e a oportunidade de formar unha rede de apoio e de promover, ao mesmo tempo, o coñecemento e a participación por parte destas familias das actividades promovidas ou propias do noso Concello", apunta a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo.
O próximo curso, a iniciativa retomarase co mesmo grupo, estando aberta á participación de novas familias. A iniciativa está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy.




