Pestanas principais

Os equipos de fútbol sala das Escolas Deportivas Municipais de Ames gañan as finais de Liga das categorías alevín, infantil e xuvenil

Mércores, 29 de marzo de 2017

[29-03-2017] O pasado sábado, 25 de marzo, xogáronse as finais de Liga de fútbol sala da zona de Santiago, onde participaron varios equipos das escolas deportivas municipais que imparten os clubs do Milladoiro SD e do Bertamiráns FC. Os equipos de fútbol sala das EDM das categorías xuvenil, infantil e alevín gañaron os partidos da final quedando campións, mentres que o equipo da categoría cadete quedou subcampión. Este sábado, 1 de abril, comezan as eliminatorias provinciais. Os equipos das EDM de Ames que quedaron campións e subcampión xogarán contra os campións da zona da Coruña.

Os equipos das Escolas Deportivas Municipais seguen conseguindo éxitos. Neste caso foron os da modalidade de fútbol sala que lograron a pasada fin de semana tres campionatos e un subcampionato. Os equipos das categorías xuvenil, cadete e infantil lévaos o Milladoiro SD. O equipo xuvenil gañou a final de Liga contra o equipo de Compañía de María; o equipo cadete quedou subcampión tras perder na final ao Burgo de Santiago; e o equipo infantil quedou campión despois de vencer ao Santiago Fútsal.

Este sábado, 1 de abril, comezan as eliminatorias provinciais nas que participan os equipos campións e subcampións da zona de Santiago de Compostela. Os equipos das EDM de Ames xogarán contra os campións da zona da Coruña. Deste xeito, o equipo infantil das EDM de Ames xogará, ás19:45h, contra o Club de Mar, o equipo cadete disputará o seu encontro, ás 18:30h, contra o Club Maristas F.S. da Coruña, e o equipo xuvenil contra o equipo de ex-alcohólicos residencia Finisterre da Coruña. Estes partidos xogaranse no pavillón polideportivo do Milladoiro.

Por outra banda, o equipo alevín de fútbol sala das EDM de Ames revalidou o campionato de Liga da zona de Santiago tras vencer na final ao Santiago Futsal por 6-2. Ao descanso chegou co resultado de 3-1 con goles para os amesáns de Mella e Jaimito. Na segunda metade anotaron outros tres goles que foron marcados por Mella, Vila e Miguel. Este equipo está xestionado polo Bertamiráns FC. Este equipo disputará este sábado, 1 de abril, ás 17:45 horas, o partido da fase provincial no pavillón de A Gándara (Narón) contra o Cidade de Narón “A”.