Pestanas principais

Os dispositivos policiais da Volta e da París de Noia saldáronse sen incidencias graves

Martes, 07 de setembro de 2021

A Policía Local de Ames viviu unha fin de semana intensa en canto a operativos especiais. O venres pola noite montaron un dispositivo especial pola actuación da París de Noia e o domingo outro polo paso da Volta a España polo núcleo de Bertamiráns. Quince axentes da Policía Local de Ames velaron pola seguridade durante estas dúas xornadas.

O paso da Volta a España por Bertamiráns obrigou á Policía Local a montar un operativo especial na Avenida da Maía, concretamente entre o inicio do termo municipal na localidade do Tremo e o fin do núcleo urbano de Bertamiráns. O operativo estivo formado por oito axentes da Policía Local e vintetrés voluntarios de Protección Civil.

O dispositivo tiña coma obxectivo o control do tráfico e da seguridade durante o paso dos ciclistas por Bertamiráns. Para iso tiveron que sinalizar os cortes de tráfico e as rutas alternativas. Unha vez rematado o traballo de sinalización procedeuse a cortar o tráfico da Avenida da Maía ás 13:30 horas. Dende ese momento e ata o remate da carreira o traballo estivo enfocado a manter a seguridade e o control do tráfico e dos viandantes.

Grazas á estreita colaboración con Protección Civil a tarde transcorreu sen incidencias. Dende o Departamento da Policía Local destacan, tamén, o civismo das veciños e das veciñas de Ames que acudiron a gozar da contrareloxo.
Ademais, tanto durante a xornada do domingo como ao longo da semana os axentes tiveron que facilitar moita información aos veciños e veciñas de Ames pois foron moitos os que chamaban con dúbidas. A iso súmase o traballo de deseño e organización do dispositivo.

O outro dos operativos montouse para a actuación da París de Noia que tivo lugar no Milladoiro. O dispositivo do venres estivo formado por sete axentes da Policía Local, cinco da Garda Civil e doce de Protección Civil.
Durante a actuación o traballo centrouse na vixilancia e control da zona do Supercor, onde tivo lugar a actuación, e por outra banda, no seguimento e control das zonas susceptibles de facer xuntanzas e botellón.

Segundo José Antonio Rodríguez, inspector xefe da Policía Local foi unha noite de moito traballo pero bastante tranquila onde tan só houbo que destacar a detención de dúas persoas por resistencia e agresión aos axentes da autoridade.

Con todo, o traballo comezou moito antes. A actuación obrigou a cortar o tráfico nun tramo da rúa Agro do Medio ás 15:00 horas. Os axentes sinalizaron os cortes, as rutas alternativas e estableceron vixilancia nos cruces para que se respectara a sinalización. O dispositivo precisou dun traballo previo de deseño e organización para establecer alternativas ao tráfico e, sobre todo, asegurar o acceso e saída aos veciños con garaxes nas rúas afectadas.

O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, quixo agradecer a colaboración e o esforzo da Policía Local de Ames “ felicitar á Policía Local polo traballo realizado tanto na Volta a España coma na actuación da París. Estes operativos supoñen un sobreesforzo para o Departamento da Policía pois teñen unha gran complexidade organizativa e de execución e súmanse ao traballo diario da Policía”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Quince policías garantizaron la seguridad en la Vuelta y verbena"

Policia Local

Multimedia

  • Policia Local
  • Policia Local