Pestanas principais

Os días internacional da literatura infantil e do libro marcarán as actividades da Biblioteca Municipal en abril

Xoves, 31 de marzo de 2011

[31-03-2011] "Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti?", este é o lema da programación de animación á lectura que puxo en marcha a Biblioteca municipal para este curso. Os días 2 e 23 de abril son días internacionais da literatura infantil e do libro respectivamente, polo que ambas celebracións terán especial importancia nas actividades que a Biblioteca Municipal de Ames desenvolverá durante este mes. Así, dende a Biblioteca desenvolveranse un programa de contacontos e un obradoiro de escritura.

A Biblioteca Municipal de Ames presta un bo servizo á cidadanía do concello ao permitirlles aos cidadáns amesás acceder á lectura de forma gratuíta mediante o préstamo de obras, mais tamén se adica á elaboración de diversos programas destinados a fomentar a lectura e outro tipo de actividades culturais.

Neste mes de abril que comeza, as actividades da Biblioteca virán marcadas por dúas datas de especial relevancia para o mundo da literatura: o 2 de abril é o día internacional da literatura infantil e o 23 é o do día internacional do libro. Por este motivo, e afondando nas políticas de achegamento e fomento da lectura, a Biblioteca Municipal organizará unha xornada de contacontos e un obradoiro de iniciación á escritura.

As xornadas de contacontos, destinados a maiores de 3 anos, terán lugar o mércores 6 de abril na biblioteca do Milladoiro e o xoves 7 na de Bertamiráns, a partir das 18:00 horas da tarde en ambos casos. As animadoras da Biblioteca Municipal encargaranse de facer unha listaxe das obras que máis lle gustaron aos nenos nestes últimos meses e que non teñan nada que ver coa temática dos programas elaborados mensualmente pola Biblioteca, de tal forma que destas obras escollerán aquelas destinadas á realización dos contacontos. Así, terán especial importancia as obras ilustradas que ademais teñan un marcado carácter sentimental para lograr deste xeito chegarlle ao corazón dos máis pequechos e pequechas da casa.

O obradoiro deste mes xirará ao redor da escritura, levando a cabo técnicas divertidas e xogos diversos cos que os rapaces e rapazas aprenderán técnicas que lle permitirán escribir as súas propias historias. Estas historias poderán ser lidas no blog dos obradoiros onde os rapaces irán colgando as súas primeiras obras literarias. Este obradoiro está destinado a rapaces e rapazas maiores de 8 anos e terán lugar o mércores 13 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 14 na biblioteca do Milladoiro. Aqueles que desexen inscribirse deberán facelo ata o 8 de abril nas bibliotecas.