[16-02-2016] Esta tarde o goberno municipal reunirase coas asociacións de veciños das parroquias de Biduído e Bugallido. O obxectivo é planificar e coordinar coa veciñanza a entrega de títulos desta concentración parcelaría, que segundo informou a Consellería de Medio Rural se fará efectiva os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro no local social de Bugallido, en horario de 10:00 a 13:30 horas.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, vén de informar que os propietarios e propietarias das fincas incluídas dentro da concentración parcelaria Biduído – Bugallido II terán que acudir ao local social de Bugallido entre o luns 22 e o 25 de febreiro, en horario de 10:00 a 13:30 horas, para recoller os títulos destas parcelas. O Concello de Ames acaba de emitir un bando sobre este mesmo tema para informar á veciñanza amesá.
Para recoller os títulos, as persoas interesadas terán que presentar o DNI e, se lles é posible, o número de propietario ou algún documento da concentración onde conste este dato. No caso de retirar os títulos en nome doutra persoa, deberán presentar unha autorización do propietario ou propietaria e copia do seu DNI. O modelo de autorización está incluído dentro do bando municipal emitido polo Concello de Ames e pódese descargar no banner de bando municipais da web municipal ou premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas.
Os títulos de propiedade que non sexan recollidos nestas datas estarán a disposición das persoas interesadas na Xefatura de Servizo de Infraestruturas Agrarias, que se atopa no sexto andar do edificio administrativo de Monelos, na rúa Vicente Ferrer, número 2, na Coruña.
Reunión coas asociacións de veciños
Co obxectivo é planificar e coordinar coa veciñanza a entrega de títulos desta concentración parcelaría, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, reuniranse hoxe pola tarde cos veciños e veciñas de Biduído e Bugallido, que teñen propiedades dentro da concentración parcelaria que afectan a estas parroquias amesás. A xuntanza terá lugar, ás 20:30 horas, na antiga escola unitaria de Bugallido.
O Concello, a través da concelleira de Participación e Atención Veciñal, servirá de mediador entre os veciños/as e a Xunta de Galicia. Deste xeito, o Concello notificaralle á administración autonómica todas aquelas incidencias que lle trasladen os veciños e veciñas e daquelas persoas que non figuran na listaxe de entrega de títulos. Para poñerse en contacto co Concello o goberno recorda a posibilidade de facelo ben vía telefónica ou a través do correo electrónico de atención cidadá (atencioncidada@concellodeames.gal).
O alcalde de Ames, José Miñones, alégrase de que “por fin a entrega de títulos da concentración parcelaria Biduído - Bugallido II sexa unha realidade e a Consellería de Medio Rural remate este proceso que comezou o pasado 5 de setembro do ano 1991, hai máis de 25 anos, polo que xa é momento de rematar co mesmo. Esta concentración parcelaria comprende arredor de 3.000 fincas e 1.200 propietarios”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"Vecinos de Biduído recibirán los títulos de concentración"
El Correo Gallego:"Entrega de títulos por la parcelaria de Biduído y Bugallido desde el lunes"




