[10-10-2013] A parroquia de Agrón celebrará esta fin de semana as festas na honra da Virxe do Rosario, unha festividade que se organiza cada ano nesta localidade amiense. Desde o venres ata o domingo, haberá actos relixiosos e tres xornadas de música, baile e diversión. A música correrá a cargo das orquestras Pontevedra e América SL. Tamén actuará o grupo de gaitas Os Castros. Os actos relixiosos serán ás 13:00 horas.
Un ano máis a Asociación Cultural - Comisión de festas de San Lourenzo de Agrón é a encargada de organizar as festas desta parroquia amiense. O Concello de Ames tamén colabora na organización desta festas. As celebracións en Agrón comezarán este venres, 11 de outubro, cunha verbena que estará amenizada pola orquestra Pontevedra.
O sábado 12 de outubro, día no que se celebra a festividade de San Andrés, a festa comezará cunha misa solemne que se celebrará ás 13:00 horas. Tralos actos relixiosos realizarase a sesión vermú, que estará amenizada pola orquestra América SL. Xa pola noite haberá unha gran verbena na que actuarán a orquestra América SL e un dúo musical.
O domingo, 13 de outubro, as festas honrarán á Virxe do Rosario. O primeiro dos actos da xornada será unha misa solemne que se celebrará ás 13:00 horas. A continuación desenvolverase a sesión vermú na que actuará o grupo de gaitas Os Castros. Nas inmediacións da igrexa parroquial de Agrón haberá un aparcadoiro iluminado para aquelas persoas que desexen aparcar os seus automóbiles. Ademais, a comisión de festas situará durante esta festividade unha gran cantina no campo da festa.