[08-08-2012] Máis de 80 nenos e nenas amienses participan nos cursos de natación que desenvolve durante o mes de agosto o Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, tanto na piscina municipal de Bertamiráns como na do Milladoiro. O programa deste curso está dedicado a ocupar o tempo libre de nenos e nenas durante as vacacións do verán e, deste xeito, aprender tamén un deporte novo.
As piscinas descubertas de Bertamiráns e Milladoiro acollen a estes 80 nenos e nenas, desexosos de aprender e de mellorar. Ademais de gozar da auga, os rapaces aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. Un total de 102 nenos e nenas participaron nestes cursos durante o mes de xullo.
Os asistentes repártense en diferentes horarios ao longo da mañá. Deste xeito, os maiores de doce anos asisten ao curso de 10:30 h. a 11:15 horas. Aos rapaces de dez a once anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h. ás 12:00 horas. De 12:00 h. á 12:45 h. desenvolvese a terceira quenda, á que asisten os rapaces de oito a nove anos, e de 12:45 h. a 13:30 horas van os nenos e nenas de entre seis a sete anos. A última quenda resérvase para os máis cativos, de entre tres e cinco anos, e levase a cabo de 13:30 h. a 14:15 horas.





