[15-08-2016] O venres, 26 de agosto, a praia fluvial de Tapia acolle a sesión de contacontos Contos de vellos para rapaces novos, cuxas narracións beben directamente da obra homónima de Xosé Neira Vilas. A actividade, impulsada polo programa “Culturea, cultura e lingua no verán” da Xunta de Galicia e co que colabora o Concello de Ames, está dirixida especialmente a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos, comezará ás 20:00 horas. En caso de chuvia a actividade trasladarase ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Nesta sesión poderase gozar dunha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes, contos de tradición oral que chegan desde a Europa albanesa, eslovaca ou ucraína até as afastadas Nova Zelandia ou Australia, pasando polas asiáticas Birmania, India ou Xapón, as africanas Liberia, Malí ou Nixeria e narracións brasileiras, cubanas ou peruanas, entre outras. Ademais, os e as asistentes terán a oportunidade de facerse cun exemplar do fermoso libro homónimo do escritor cruceño, editado en gran formato por Bolanda Edicións con ilustracións de Antía Barba.
A praia fluvial de Tapia é o marco escollido polo concello de Ames para esta actividade, que terá lugar o día 26 de agosto ás 20:00 horas. A participación na actividade é libre e completamente gratuíta.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Contos de Neira Vilas na praia fluvial de Tapia o día 26 co programa Culturea"




