Pestanas principais

Os contacontos que organiza a Biblioteca municipal de Ames durante o mes de decembro tratarán sobre o Nadal

Luns, 02 de decembro de 2013

[02-12-2013] A Biblioteca municipal de Ames pechará a programación de actividades de 2013 con novas sesións de contacontos, que se impartirán nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. A temática dos contos correspondentes ao mes de decembro será o Nadal. Por outra banda, desenvolverase un obradoiro denominado "Ven decorar a túa biblioteca", para nenos e nenas de máis de 8 anos que se levará a cabo o luns 2 de decembro na Biblioteca do Milladoiro e o mércores 4 na Biblioteca de Bertamiráns. Para participar neste obradoiro é necesario inscribirse de xeito presencial nas propias bibliotecas ou chamando ao números de teléfono 981 530 807/ 981 884 829.

Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante o mes de decembro, como non podía ser doutro xeito, os contacontos e os obradoiros tratan sobre o Nadal. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezan o luns, 16 de decembro, no local social de Augapesada, e continúan o martes 17 de decembro no local social de Bugallido. O mércores 18 de decembro tócalle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 19 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns. As sesións de contacontos comezarán en tódolos lugares ás 18:00 horas.

Ven decorar a túa biblioteca
Ademais, durante o mes de decembro vaise realizar un obradoiro denominado "Ven decorar a túa biblioteca". Esta actividade, que está dirixida aos nenos e nenas de máis de oito anos, levarase a cabo o luns 2 de decembro na Biblioteca do Milladoiro e o mércores 4 na Biblioteca de Bertamiráns. Neste obradoiro os nenos e nenas decorarán a biblioteca con adornos e motivos de Nadal. Para participar no obradoiro da biblioteca do Milladoiro haberá que inscribirse na propia biblioteca desta localidade ou chamando ao número de teléfono 981 530 807, mentres que para participar no obradoiro de Bertamiráns hai que realizar as inscricións nesta biblioteca, de xeito presencial, ou chamando ao número de teléfono 981 884 829.