Pestanas principais

Os contacontos de outubro e novembro renden homenaxe á musicalidade dos contos

Sábado, 04 de outubro de 2014

[04-10-2014] “Ven contar, cantar, xogar e bailar” é o lema co que as bibliotecas municipais de Ames presentan a programación de contacontos para os meses de outubro e novembro de 2014. A música, as rimas, as adiviñas e os trabalinguas serán o eixo sobre o que xiren as sesións de contacontos que, como ven sendo habitual, se desenvolverán nas bibliotecas de Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Bugallido e Augapesada cada quince días. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade.

Tendo en conta que dende a tradición oral ata os contos escritos, a musicalidade é unha das características nas que se basea a literatura infantil, as bibliotecas de Ames queren render homenaxe durante estes dous meses de outono a esa cualidade básica na que se debe sustentar calquera historia que se lle conte aos máis pequenos/as. Deste xeito, a música, o ritmo, as rimas, as adiviñas e os trabalinguas serán os protagonistas dos contos que os nenos e nenas van escoitar nas primeiras sesións de contacontos da programación do curso 2014-2015.

Como base destas novas sesións de contacontos coas que as bibliotecas de Ames inician a tempada de outono, está previsto que se conten as historias que configuran a serie do Berce á Lúa, da editorial Kalandraka, das que Cocorico e Loboferoz son moi coñecidos polos nenos e as nenas. Tamén se cantarán as cancións de Contos en Cantos, un CD no que Almudena Janeiro puxo música e letra a coñecidos libros editados pola editorial OQO.

Ademais nos contacontos que se desenvolvan durante estes dous meses xogarase cos rapaces e as rapazas as adiviñas e tamén, como ven sendo habitual, cada unha das sesións de contacontos rematará coa realización dun traballo manual. Esta manualidade, que os asistentes aos contacontos poderán levar para casa, ten como obxectivo reforzar os contidos que se traballan nos contos.

Será o local social de Augapesada o que acolla o luns, 6 de outubro, ás 18:00 horas, a primeira sesión de contacontos da programación do curso 2014-2015. O día 7 os nenos e nenas de Bugallido serán os que gocen da maxia dos contos contados en directo, mentres que ás bibliotecas de Milladoiro e Bertamiráns acollerán os contacontos o mércores 8 e o xoves 9 de outubro, respectivamente.

Quince días despois os catro locais que habitualmente son sede dos contacontos volverán a ter actividade, de xeito que o luns 20 de outubro, os contacontos estarán no local de Augapesada, o martes 21 tocaralle quenda a Bugallido, o mércores 22 á biblioteca de Bertamiráns e o xoves 23 á biblioteca do Milladoiro.