Pestanas principais

Os contacontos de novembro renden homenaxe á musicalidade dos contos

Martes, 04 de novembro de 2014

[04-11-2014] “Ven contar, cantar, xogar e bailar” é o lema co que as bibliotecas municipais de Ames presentan a programación de contacontos para o mes de novembro de 2014. A música, as rimas, as adiviñas e os trabalinguas serán o eixo sobre o que xiren as sesións de contacontos que, como ven sendo habitual, se desenvolverán nas bibliotecas de Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Bugallido e Augapesada cada quince días. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade.

Tendo en conta que dende a tradición oral ata os contos escritos, a musicalidade é unha das características nas que se basea a literatura infantil, as bibliotecas de Ames queren render homenaxe durante os meses de outono a esa cualidade básica na que se debe sustentar calquera historia que se lle conte aos máis pequenos/as. Deste xeito, a música, o ritmo, as rimas, as adiviñas e os trabalinguas serán os protagonistas dos contos que os nenos e nenas van escoitar nas sesións de contacontos do mes de novembro.

Como base destas novas sesións de contacontos coas que as bibliotecas de Ames inician a tempada de outono, está previsto que se conten as historias que configuran a serie do Berce á Lúa, da editorial Kalandraka, das que Cocorico e Loboferoz son moi coñecidos polos nenos e as nenas. Tamén se cantarán as cancións de Contos en Cantos, un CD no que Almudena Janeiro puxo música e letra a coñecidos libros editados pola editorial OQO.

Ademais nos contacontos que se desenvolvan durante este mes xogarase cos rapaces e as rapazas as adiviñas e tamén, como ven sendo habitual, cada unha das sesións de contacontos rematará coa realización dun traballo manual. Esta manualidade, que os asistentes aos contacontos poderán levar para casa, ten como obxectivo reforzar os contidos que se traballan nos contos.

A programación de contacontos deste mes comezou o luns, 3 de novembro, no local social de Augapesada. Este martes, 4 de novembro, tócalle a quenda aos nenos e nenas que asistan ao local social de Bugallido, mentres que ás bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns acollerán os contacontos o mércores 5 e o xoves 6 de novembro, respectivamente.

Quince días despois os catro locais que habitualmente son sede dos contacontos volverán a ter actividade, de xeito que o luns 17 de novembro, os contacontos estarán no local de Augapesada, o martes 18 tocaralle quenda a Bugallido, o mércores 19 á biblioteca de Bertamiráns e o xoves 20 á biblioteca do Milladoiro.