[31-05-2018] Os concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, asistiron esta mañá a unha xuntanza no Concello de Teo co rexedor deste municipio, Rafael Sisto, e coa concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus. Ademais, do Concello de Brión asistiu o seu alcalde, José Luis García. Este encontro serviu para falar do proxecto de instalación dunha planta de residuos na Casalonga, situada no termo municipal de Teo, pero próxima aos concellos de Ames e Brión.
O grupo Toysal ten solicitado na Xunta de Galicia a autorización ambiental integrada, un proceso longo no que o proxecto será sometido a exposición pública e no que se requirirán diversos informes sectoriais, incluído o do concello. Neste punto centrou a xuntanza, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, que lle pediu colaboración aos concellos limítrofes no período de alegacións. Tanto o Concello de Ames coma o de Brión limitan con Teo na zona na que se proxecta a instalación.
Os concelleiros de Ames, Blas García e Javier García, así como o alcalde de Brión, amosaron o seu compromiso con esta petición e comparten a preocupación co Concello de Teo polo negativo impacto que pode ter unha planta de residuos na zona. O rexedor teense agradeceu a receptividade amosada polos responsables de Ames e Brión nun tema que preocupa moito en Teo.
Moción aprobada por unanimidade
En relación con este tema onte o pleno da corporación de Teo aprobou por unanimidade unha moción sobre este proxecto. Na mesma acordouse, entre outros puntos, rexeitar que a instalación de xestión e tratamento de residuos sexa unha actividade permitida en solo rústico, conforme ao establecido no artigo 35 da Lei 2/2016, do solo de Galicia así como adoptar todas as medidas necesarias, de forma conxunta e coordinada, desde un punto de vista tanto institucional como administrativo e respectando a legalidade vixente, para evitar a instalación desta planta de reciclaxe na Casalonga.
Tamén se amosou o apoio ás veciñas e veciños afectados e apoiar as súas reivindicacións destinadas a defender os seus dereitos e a súa calidade de vida e poñer á súa disposición os medios e os recursos para informalos e asesoralas.
Como é o proxecto da planta?
A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.
O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.
O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Teo cierra filas contra la planta de Calo y logra el apoyo de Ames y Brión"
Lindeiros: "Teo busca apoios en Ames e Brión contra a planta da Casalonga"




