Pestanas principais

Os concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo preparan nove equipos de escolares para o club de debate

Xoves, 08 de marzo de 2012

[08-03-2012] Os concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo preparan un total de nove equipos de escolares de secundaria que participarán nunha Liga de debate posta en marcha a través dos Servizos de Normalización Lingüística destes municipios. Esta iniciativa busca traballar nos escolares conceptos como a comunicación, a oratoria e a lingua a través dunha ferramenta como son os equipos de debate, cunha posta en escena que lles pode resultar moi atractiva. Esta mañá os participantes asistiron no Pazo da Peregrina (Ames) a un curso de formación de cara á fase comarcal que se celebrará en Santiago o 14 de abril.


Esta mañá os alumnos/as participantes asistiron a un curso de formación no Pazo da Peregrina (Ames) de cara a prepararse para a fase comarcal do concurso que terá lugar en Santiago o 14 de abril. Algo máis de 60 alumnos/as e os seus preparadores estiveron atentos a un curso no que se atendeu por un lado á estrutura do debate dende un punto de vista teórico e por outra unha formación máis práctica na que viron métodos de expresión e realizaron técnicas de oralidade, habilidades sociais e comunicativas. Para iso fixeron exercicios en equipos dinámicos para mellorar a expresión, a improvisación ou mesmo as técnicas de relaxación. A xornada de traballo de hoxe rematou cun enfrontamento entre dous equipos nun debate. O tema elixido para este exercicio preparatorio foi a paridade entre homes e mulleres. Un dos equipos tiña que defender as virtudes da paridade e o outro o contrario. Un xurado decidía sobre o debate e aínda que o traballo dos dous equipos foi moi destacable, non houbo un claro gañador.

Os concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo contan con nove equipos en total que participarán neste Club de Debate que ten unha fase final en Pontevedra o 28 de abril. De Ames participan tres equipos do IES de Ames e teñen como mestres preparadores a María Xesús García Otero, Carmen Fariña Miranda e Xosé Manuel Fernández López. De Rois anotouse un equipo do CPI dos Dices co profesor Luis Gómez Aldegunde como titor. Santiago achega dous equipos, da Compañía de María e terán como preparadoras a Ángela Trillo Díaz e a Laura Rodríguez Fraga. Finalmente Teo conta con tres equipos do IES de Cacheiras e os seus mestres preparadores son Ramón Cruces Colado, Xosé Manuel Maceira Fernández e Leonardo Fernández Campos coñecido artísticamente como Leo i Arremecaghona. Tamén cabe destacar o traballo de coordinación dos equipos de normalización dos centros escolares, que mantiveron unha estreita colaboración cos equipos municipais.


O Club do Debate é unha idea impulsada dende os Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos na que participan outros municipio coma Betanzos, Ferrol, Carballo, As Pontes, Carral, Pontevedra, A Coruña, Oleiros e Vigo. De feito esta iniciativa recolle a proposta das cidades de Pontevedra ou A Coruña que levan tempo desenvolvendo proxectos similares.

Na fase local na que participan Ames, Rois, Santiago e Teo cada equipo participante traballará sobre o tema "Deben os poderes públicos protexer e promover a diversidade lingüística?". Cada equipo terá que defender unha postura a favor no debate inicial e unha contraria no seguinte, sempre contra equipos diferentes. A puntuación total deses dous debates de cada equipo será o que marque o gañador final. O alumnado participante ten entre 16 e 18 anos.

O premio deste concurso na fase comarcal é de 500 euros para o equipo gañador e 300 para o segundo. Os dous equipos gañadores de cada fase comarcal participarán na fase final na que o premio será unha viaxe de contido cultural para un máximo de 25 persoas valorado en 5000 euros.