[08-02-2012] Os concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo traballan na posta en marcha dunha Liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria que contará con fases local, comarcal e galega. Con este Club do debate, que comezará a funcionar de xeito inmediato, trátase de incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.
O Club do Debate é unha idea impulsada dende os servizos de normalización lingüística dos concellos na que participan outros municipios de fóra desta comarca como Betanzos, Ferrol, Carballo, As Pontes, Carral, Pontevedra, A Coruña, Oleiros e Vigo. De feito, esta iniciativa recolle a proposta das cidades de Pontevedra ou A Coruña que levan tempo desenvolvendo proxectos similares.
Ames, Rois, Santiago e Teo incorpóranse mediante a sinatura dun protocolo de colaboración. A inscrición para participar neste certame realizarase nos SNL municipais e o prazo estará aberto ata o 24 de febreiro. O Club do Debate está dirixido aos centros de educación secundaria, bacharelato e ciclos, con alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de ciclos formativos, nunca maiores de 18 anos.
Na fase comarcal na que participan Ames, Rois, Santiago e Teo cada equipo participante traballará sobre o tema Deben os poderes públicos protexer e promover a diversidade lingüística?. Como en todos os debates un equipo defenderá unha postura a favor e outra en contra, cuestión que non coñecerán ata o momento de debater.
O Club do Debate desenvolverase entre os meses de febreiro e finais de abril cando se celebrará a fase final na cidade de Pontevedra, a onde chegarán os mellores equipos de cada comarca. Ademais de participar no concurso, os participantes recibirán un curso de formación, o 8 de marzo, antes do propio concurso na súa fase local, que se celebrará o 14 de abril en Bertamiráns (Ames).
Este concurso, ademais de fomentar o uso da lingua e os valores do traballo en equipo e da diversidade, terá un interesante premio para os mellores participantes. Na fase comarcal haberá un primeiro premio de 500 euros e un segundo de 300 euros. Á parte destes premios, o grupo gañador terá acceso á fase final. Na fase final o premio para os gañadores será unha viaxe de contido cultural para un máximo de 25 persoas valorada en 5 000 euros.





