[07-06-2017] Esta mañá as brigadas municipais de obras de Ames e Negreira comezaron os traballos de limpeza e roza nas beiras do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira. No caso de Ames están traballando os operarios da brigada medio ambiental e de obras. Ata este lugar achegáronse durante a mañá varios membros dos gobernos municipais de ambos Concellos, para ver como se iniciaban estes traballos que teñen como obxectivo acondicionar esta zona de cara a temporada estival. Ademais, dende ambos Concellos estanse a realizar as xestións necesarias para declarar A Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC).
Esta mañá deron inicio os traballos de limpeza e roza nas beiras do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira. Estes traballos, executados polas brigadas municipais de Ames e Negreira, están sendo coordinados polas concellarías de Obras e Medio Ambiente de ambos concellos. No caso de Ames están traballando os operarios da brigada medio ambiental e de obras. Cada unha das brigadas encárgase de limpar a parte do río correspondente a seu municipio. Estas labores están incluídas dentro do programa anual de tarefas de cada un dos concellos.
O obxectivo de ambos concellos é que estea todo en perfectas condicións de cara ao venres, 16 de xuño, para que o contorno da Ponte Maceira acolla a xornada das Noites en Vela. Neste caso ofrecerase un concerto a cargo do grupo amesán A Requinta da Maía e do grupo de pandereteiras As Tanxugueiras. Este concerto, que comezará arredor das 21:30 horas, está dirixido a todos os públicos.
Asemade, esta mañá, membros do goberno municipal, acompañados da técnica do departamento de Cultura, estiveron cun membro da produtora que se encarga da organización deste evento para ver onde se vai a montar o escenario e mailos equipos técnicos, que nesta edición actuarán ao igual que o ano pasado na pedra situada no río para que o público poida situarse sobre a ponte.
O goberno municipal aposta pola posta en valor deste fermoso lugar do concello. Debido a iso, as labores de limpeza e roza están incluídas dentro do programa anual de tarefas que realiza a brigada municipal e obras. Cómpre lembrar que o ano pasado xa se realizaron estas mesmas labores, así como traballos en altura nos laterais da Ponte Vella co obxectivo de retirar todas as herbas e maleza que hai entre as pedras de dita ponte. A finalidade é acondicionar A Ponte Maceira de cara a época estival, momento no que un gran número de peregrinos/as pasan por este lugar facendo o Camiño de Santiago a Fisterra.