Pestanas principais

Os Concellos de Ames e Brión, xunto á Deputación da Coruña, organizan os días 10 e 11 de xuño a segunda edición de “Altamira Brilla”

Martes, 07 de xuño de 2022

“Altamira Brilla”, a festa histórica do val da Maía, que organizan os Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega esta semana á súa segunda edición. Serán dúas xornadas de actividades, os días 10 e 11 de xuño, nun amplo programa que inclúe a presentación no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira, tamén dos traballos de investigación que se están levando a cabo para a elaboración do plan director das Torres, unha ruta histórica, a representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns e os concertos de Caldo e de Grande Amore.

Na presentación o alcalde de Ames, Blas García, destacou “o traballo que se está realizando no proxecto e na posta en valor das Torres de Altamira. Tamén hai que salientar os traballos de investigación que se están realizando para a elaboración do plan director das Torres. Trátase dun proxecto no que, como en outros moitos, colaboramos co Concello veciño de Brión”.

O concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, fixo fincapé durante o acto de presentación que “a través desta festa vólvese a poñer en valor un dos moitos acontecementos sucedidos no corazón da Maía, como é A Batalla de Altamira, da que este ano cúmprese o 551 aniversario, un acontecemento de moito calado, non só no noso val, senón a nivel de toda Galicia. Tamén se vai a dar a coñecer un dos monumentos máis esquecidos da comarca como son as Torres de Altamira, que foron o motivo desta loita e o centro de operacións da familia dos Moscoso durante moitos anos”. Ao igual que o alcalde, destacou o traballo que se está realizando para a elaboración do plan director das Torres.

O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, destacou que "a batalla de Altamira é un dos feitos máis importantes da historia da comarca e do país, por iso esta festa avanza outro paso na mellora e posta en valor das Torres, un monumento que ten que ser referencia na comarca, coa dimensión histórica e cultural que merece". “Queremos que ‘Altamira Brilla’, engadiu, “sexa vivido e sentido como propio por toda a veciñanza da comarca e tamén polas persoas que queiran achegarse e participar neste encontro que quere recuperar a nosa memoria histórica”.

As Torres de Altamira son un monumento patrimonio da Deputación da Coruña considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

Dúas xornadas festivas e múltiples actividades
As conmemoracións iniciaranse o venres, 10 de xuño, cun acto que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas, no que se presentarán o proxecto e posta en valor das Torres de Altamira e as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión na que intervirá o arquitecto Mario Crecente.

O sábado 11, pola maña, terá lugar unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión. A primeira parte do percorrido, ata Trasmonte, realizarase en autobús. A partir deste lugar ata As Torres realizarse a pé. A ruta rematará cunha charla sobre a familia Moscoso, a cargo do catedrático, Xosé María Lema. Ás 13.00 hora o autobús trasladará ás persoas participantes ata Bertamiráns e á Carballeira de Santa Minia.

Para participar nela será necesario facer reserva previa. O autobús que recollerán aos participantes sairá da Carballeira de Santa Minia ás 09:30h e do Pazo da Peregrina en Bertamiráns ás 09:45 horas. Para reservar, as persoas interesadas en participar deberán enviar unha mensaxe onde indicarán o nome, apelidos e DNI ao seguinte correo electrónico: rutabatallaaltamira@gmail.com

Pola tarde, a partir das 19:30h, sairán dende a Carballeira de Santa Minia dirección ás Torres de Altamira os autobuses para acudir á representación artística e aos concertos programados, xa que non se permitirá acceder con vehículos particulares. A entrada é de balde con reserva previa en: https://www.woutick.es

A recreación teatral a cargo da compañía Os Quinquilláns dará inicio ao programa artístico que se completará cos concertos de Caldo e Grande Amore. O fin de festa, que incluirá petiscos a cargo da organización, será arredor das 23:30 horas. A partir desta hora está previsto o regreso dos transportes á Carballeira de Santa Minia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Maía recrea la Batalla de Altamira con ruta y música"

La Voz de Galicia: "La fiesta histórica «Altamira Brilla» se celebra los días 10 y 11"

Enfoques: "Altamira Brilla vuelve a Brión y Ames con música, rutas y una recreación de la batalla"

Ames Go: "A Batalla de Altamira revive do 10 ao 11 de xuño"

Presentación da segunda edición de “Altamira Brilla”

Multimedia

  • Cartaz da segunda edición de “Altamira Brilla”