[27-03-2018] O acto Rosalías da Vida tivo lugar este luns, 26 de marzo, na Casa Museo Rosalía de Castro. O acto, que gozou dunha boa resposta por parte do público, estivo conformado por dúas actividades: unha visita teatralizada á Casa da Matanza e unha mesa redonda na que participaron persoas con historias de superación, entre elas a veciña de Agrón, Filomena Fraga. O evento, que se encadrou dentro das accións de promoción da ruta As Pegadas de Rosalía, contou coa participación da concelleira de Turismo e Promoción Económica de Ames, Isabel González, do concelleiro de Obras e Servizos Básicos do mesmo concello, Blas García, dos alcaldes de Brión e Padrón, José Luís García e Antonio Fernández, da concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. A iniciativa Rosalías da Vida celebrouse este 26 de marzo, Día Mundial da Prevención contra o Cancro Uterino, xa que foi esta enfermidade a que causou a morte de Rosalía.
As Rosalías da Vida
Posteriormente, ás 20:00 horas, celebrouse unha mesa redonda na que participaron varias persoas, identificadas como as Rosalías da Vida, que falaron das súas experiencias persoais de superación ante diferentes adversidades. Xunto a Guadalupe Pino, Javier Cedrón, María del Carmen Calvo e Rosa Romero, estivo a nosa veciña de Agrón, Filomena Fraga. A amesá, que foi homenaxeada polo Concello de Ames o pasado 8 de marzo, é a autora da obra A Cancela, publicada por primeira vez en 1995 e reeditada polo Concello de Ames en 2006.
A mesa redonda foi inaugurada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen subliñou o potencial turístico da Ruta Rosaliana, á hora de sumar atractivos e de diversificar a oferta turística da contorna de Santiago. A actividade, que se celebrou no propio auditorio da Casa Museo Rosalía de Castro, contou cun elevado público.
Coa organización deste evento, os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago quixeron achegar á veciñanza a parte máis humana da vida de Rosalía, reivindicándoa como unha muller forte e loitadora, que se rebelou contra as inxustizas e dificultades polas que todo ser humano pasa nalgún momento da súa vida, especialmente no caso das mulleres. Así mesmo, a razón que explica a elección do día 26 de marzo para o desenvolvemento deste evento, data na que se conmemora o Día Mundial da Prevención do Cancro de Útero, é que foi precisamente desta enfermidade da que faleceu Rosalía de Castro, o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos de idade.
O evento Rosalías da Vida foi organizado polos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago, dentro das liñas de acción do proxecto creado conxuntamente, a ruta As Pegadas de Rosalía. O evento, que se celebrou este luns 26 de marzo, Día Mundial de Prevención contra o Cancro Uterino, tivo lugar en Padrón, na Casa Museo Rosalía de Castro.
A iniciativa contou con dúas partes diferenciadas. A primeira das cales consistiu nunha visita teatralizada á propia Casa Museo, a cal se realizou en dous pases por causa da capacidade reducida das salas. Os pases realizáronse así ás 18:00h e ás 19:00 horas. A visita, que tivo como obxectivo afondar no lado máis humano e descoñecido da vida de Rosalía, contou co acompañamento do violinista Javier Cedrón e da pianista Margarita Viso. As prazas dispoñibles para esta actividade completáronse na súa totalidade.




