[01-03-2018] Este mércores, 28 de febreiro, realizouse en Bertamiráns unha xuntanza na que participaron representantes dos Concellos de Ames, Brión e Padrón, así como da empresa Galicia es+, que puxeron en marcha no pasado mes de xaneiro a nova ruta “As pegadas de Rosalía”. Este encontro serviu para facer unha avaliación do traballo feito ata o de agora sobre esta iniciativa, así como para planificar e programar diferentes actividades e eventos que se van desenvolver de forma conxunta nos próximos meses en referencia aos diferentes momentos e etapas que Rosalía viviu como muller galega.

Os concellos de Ames, Brión e Padrón continúan traballando con empeño na promoción e difusión da ruta turística en torno á figura de Rosalía de Castro As Pegadas de Rosalía, que foi presentada en Madrid polos alcaldes dos tres concellos o pasado 19 de xaneiro no stand de Turgalicia na pasada edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur).
Esta presentación contou, tamén, coa presenza de Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Trátase dun itinerario cultural que toma como referencia a ruta deseñada polo intelectual Avelino Abuín de Tembra. Está concibida para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta.
Para facer unha avaliación do traballo feito ata o de agora, onte tivo lugar unha nova xuntanza en Bertamiráns, na que estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica e Turismo de Ames, Isabel González Cancela, e a concelleira de Cultura e Turismo de Padrón, Lorena Couso Dopazo, xunto cos técnicos de Ames, Brión e Padrón, así como representantes da empresa Galicia es+, que colabora nesta iniciativa desde o inicio.
O obxectivo principal desta reunión foi a planificación e programación de diferentes actividades e eventos que se van desenvolver de forma conxunta nos próximos meses en referencia aos diferentes momentos e etapas que Rosalía viviu como muller galega. A ruta turístico-literaria As Pegadas de Rosalía foi pensada e creada como un elemento para reivindicar, valorizar e difundir a obra e, moi especialmente, a vida da nosa escritora máis célebre de maneira que serva como exemplo e sexa un referente para as mulleres galegas de hoxe.





