[30-07-2013] Os concellos de Ames, Brión e Lousame xestionarán de xeito compartido un proxecto de mellora da eficiencia enerxética e iluminación pública dotado con 127.100,77 euros e que suporá distintas actuacións nos tres municipios. Un proxecto compartido entre os tres concellos que se desenvolverá no marco do convenio subscrito entre o IDAE e o INEGA, e que contará con financiamento de fondos comunitarios derivados programa operativo FEDER-Galicia 2007-2013.
Os alcaldes de Ames, Santiago Amor; Brión, Xosé Luís García; e Lousame, Teresa Villaverde, reuníronse hoxe en Brión para analizar os pasos previos á posta en marcha deste proxecto, que será xestionado polo Concello de Brión. Tras a reunión, o alcalde de Ames, Santiago Amor destacou que “a colaboración conxunta entre os tres municipios permite a optimización dos recursos, a redución de gastos e, en definitiva, a busca de solucións que revertan en beneficio para os veciños e veciñas dos tres concellos”. O rexedor amiense apostou por “seguir traballando cóbado con cóbado e colaborando entre municipios, algo no que Ames e Brión xa teñen experiencia en diferentes proxectos e aos que agora se une Lousame”. Santiago Amor lembrou que Ames xa acometeu outras melloras que redundaron na eficiencia enerxética e destacou o aforro enerxético de case un 70% que suporá este novo proxecto, xa que, por exemplo, en Aldea Nova a potencia das lámpadas do alumeado público reducirase de 250 a 70 W.
Pola súa banda, o alcalde brionés destaca esta agrupación de Concellos xa que “a situación económica está no límite e a unión de esforzos entre distintos municipios é case a única posibilidade que hai que conseguir subvencións para este tipo de proxectos que, no caso de Brión, suporá un aforro enerxético próximo ao 60% no alumeado público de Sabaxáns sen perder luminarias”.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, subliñou a importancia desta colaboración entre concellos e destacou que Lousame “realizou unha auditoría previa e leva varios anos acolléndose a plans de eficiencia enerxética e realizando melloras en varios núcleos co importante aforro que iso supón”. A rexedora explicou que nesta ocasión actuarase en Horta e Béxeres, onde se instalarán 73 puntos de luz que permitirán un aforro de preto dun 75% no consumo. Teresa Villaverde destacou que se instalarán equipos electrónicos de baixo consumo e que se colocarán dispositivos que se poden programar e reducir de intensidade a consumir.
Características das obras
O orzamento para a execución do proxecto, denominado “Renovación de instalación de iluminación exterior 2013. Agrupación de concellos: Lousame, Brión e Ames” ascende a 127.100,77 euros. O Concello de Ames investirá 58.715,52 euros en mellorar o alumeado público en Barouta, Aldea Nova e Pedrouzos. Pola súa banda, o Concello de Brión instalará alumeado público en Sabaxáns, parroquia de Bastavales, por un importe de 24.677,01 euros. Finalmente, o Concello de Lousame levará a cabo outras dúas actuacións, nos lugares de Béxeres e Horta, que suporán un investimento de 43.718,24 euros.
As actuacións teñen como finalidade conseguir un aforro enerxético e incrementar a eficiencia enerxética, actuando sobre as lámpadas (tanto en tecnoloxía como en potencia), nas luminarias, nos cadros de mando e nos equipos e sistemas de acendido. Así, instalaranse reloxos astronómicos en 5 das 6 actuacións, coa excepción de Aldea Nova (Ames) no que xa existe. Estes reloxos astronómicos permitirán o acendido e apagado das luminarias segundo a hora exacta do amencer e do solpor da zona onde se instalan, conseguindo un importante aforro e eficiencia enerxética ao evitar os acendidos e apagados accidentais que provocan as fotocélulas actualmente instaladas.
Así mesmo, as actuais lámpadas con tecnoloxía de vapor de mercurio serán substituídas por outras equivalentes de vapor de sodio a alta presión, obtendo así unha mellor eficiencia enerxética e eliminando o risco de contaminación ambiental das antigas lámpadas. Ademais, en todos os casos substituiranse os equipos electromagnéticos convencionais por reactancias electrónicas de dobre nivel.
Deste xeito, manteranse as mesmas luminarias pero reducirase a súa potencia, de xeito que se garanta a perfecta iluminación da zona e, ao mesmo tempo, supoña un importante aforro enerxético para as arcas municipais. A potencia das lámpadas das luminarias instaladas na actualidade oscilan entre os 70 e os 125 W, chegando en casos puntuais ata os 250 W. As novas tecnoloxías que se colocarán en Ames, Brión e Lousame permitirán reducir esta potencia ata unha cifra situada entre os 50 e os 70 W, cun único caso puntual de 100 W.
Achegas municipais
Cada un dos Concellos asumirá a totalidade dos gastos derivados de cada un destes investimentos, que contarán con achegas municipais de 8.807,53 euros (Ames), 3.701,55 euros (Brión) e 6.557,74 euros (Lousame). Unhas cantidades que os Concellos de Ames e de Lousame deberán aportar para poder iniciar o expediente de contratación das obras. Así mesmo, ambos municipios deberán poñer a disposición do Concello de Brión os terreos libre de cargas e gravames. Unha cesión temporal, mentres dura a realización das obras.
Como representante desta agrupación de municipios, o Concello de Brión será o encargado de licitar as obras, se ben na mesa de contratación que se constitúa a tal efecto estarán presentes dous representantes dos Concellos de Ames e Lousame. O Concello de Brión será quen realice todos os trámites administrativos que requira esta actuación compartida: tramitación e seguimento do expediente de subvención ante o INEGA, tramitación do expediente de contratación das obras relativas ao conxunto das instalacións previstas e xustificación posterior dos investimentos.