[16-06-2016] Os departamentos de Cultura dos Concello de Ames e de Negreira, en colaboración coa Deputación da Coruña, organizaron un programa de concertos denominado “Noites en vela” na Ponte Maceira, que se desenvolverán durante tres venres de xuño, xullo e agosto. Esta iniciativa comeza este venres, 17 de xuño, cunha actuación de Xan Solo´s, que presentan o seu primeiro traballo discográfico “Electrolírica”. O concerto comezará ás 22:30 horas e terá como escenario un lugar de tanta beleza como é a Ponte Maceira.
Xan Solo´s participa este venres, 17 de xuño, ás 22:30 horas, nas Noites en Vela da Ponte Maceira. Trátase dunha serie de concertos organizados polos Concellos de Ames e Negreira co fin de amenizar as noites deste máxico lugar polo que discorre o río Tambre. Xan Solo´s naceu da unión do cantautor, actor e poeta Xan Solo coa pianista e creadora de melodías Cristina Morquillas. “Electrolírica” é o seu primeiro traballo discográfico xuntos.
A programación desta iniciativa continúa o venres, 15 de xullo, ás 22:00 horas, cun concerto do grupo amesán das Maianas e coa actuación de Xabier Díaz. O coñecido músico e compositor coruñés ofrecerá unha masterclass e máis un concerto neste lugar. A programación musical rematará o venres, 19 de de agosto, ás 22:00 horas, cunha actuación de música clásica a cargo do Cuarteto Tetpamop.
O concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil, explica que “as Noites en vela na Ponte Maceira é un iniciativa que se puxo en marcha a finais de agosto de 2015 e, que debido a boa resposta que tivo por parte da veciñanza, se volve a repetir este ano cun cartel de actuacións máis ambiciosos”.
A través deste evento musical trátase de valorizar o entorno da Ponte Maceira. Durante os concertos apágase o alumeado público e acéndense centos de pequenas velas que se lle dan un encanto especial a este lugar que xa conta cunha beleza singular. O lugar no que se ofrecen os concertos é o entorno da Ponte Vella, a ponte romana que divide os concellos de Ames e Negreira.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"Arrancan las «Noites en vela» de Ponte Maceira"
El Correo Gallego: "Noites en Vela con Xan Solos en Ponte Maceira"




