Pestanas principais

Os concelleiros/as do grupo de goberno pasan por Ames Radio

Sábado, 09 de xullo de 2011

[09-07-2011] Despois de que se realizase o reparto das distintas áreas, os concelleiros e concelleiras do goberno municipal están visitando as instalacións de Ames Radio para explicar as súas propostas de traballo. Nazaret López, xornalista e directora do magacín Somos Ames, que se emite de luns a venres de 12:00 h. a 13:30 horas, é a encargada de entrevistar aos novos concelleiros do goberno municipal. A través destas entrevistas trátase de coñecer máis de preto o/as novos/as concelleiros/as amienses. Os/as concelleiros/as dos grupos da oposición tamén pasarán por Ames Radio.

Un dos obxectivos da radio municipal, Ames Radio, é reflectir a realidade de todo o que acontece no territorio municipal de Ames, así como recoller as voces de todos os veciños e veciñas de Ames e das autoridades locais. Seguindo esta liña de programación, Ames Radio, está recollendo as voces e opinións de todos os concelleiros/as do grupo de goberno co fin de que a veciñanza amiense os coñeza máis de preto.

Esta ronda de intervencións comezou esta semana. O primeiro en pasar polas dependencias da radio municipal foi o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar Míguez, que estivo en Ames Radio o luns 4 de xullo. As entrevistas aos concelleiros/as amienses estanse emitindo os luns, martes e mércores de cada semana. O pasado 5 de xullo foi a quenda da concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González Gómez, e o mércores 6 de xullo, pasou pola radio municipal o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey López.

As entrevistas emítense dentro do magacín Somos Ames, un programa de entretemento conducido por Nazaret López quen, ademais, conta cun equipo de colaboradores e colaboradoras que permiten ofrecer contidos variados e orientados en moitos casos ao servizo público. De cara á próxima semana está previsto que acudan a Ames Radio, o concelleiro encargado das áreas de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro Santiago, o concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada Alvelo, a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, María Dolores Fernández Álvarez, a concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde Leboráns, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, María Eugenia Martín Vicente.

Os demais concelleiros/as do grupo de goberno, así como o alcalde de Ames, Santiago Amor, acudirán á radio municipal durante as dúas últimas semanas do mes de xullo. Ademais os concelleiros/as dos grupos da oposición tamén pasarán por Ames Radio.