Pestanas principais

Os comercios adheridos á campaña das tarxetas Merc@ames obtiveron unha media de preto de 616 euros

Xoves, 14 de outubro de 2021

As tarxetas Bono-Reactiva Ames que a concellaría de Promoción Económica puxo en circulación o 15 de setembro utilizáronse en 189 establecementos de Ames, xerando unha media de 616 euros de negocio en cada un deles. Até o momento gastáronse 116.478 euros, o que supón máis do 90% dos cartos postos en circulación a través desta campaña. Quedan por gastar 11.182 euros que os/as posuidores/as das tarxetas poderán empregar até o 15 de novembro. O sábado,16 de outubro, poñeranse á venda 238 tarxetas-bono nunha carpa instalada na Praza da Maía de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas.

A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames pon ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda do 40% do valor da mesma.

Unha media de preto de 200 operacións diarias e case catro mil euros invertidos ao día a través das tarxetas merc@mes, este é o balance da campaña das tarxetas Bono-Reactiva Ames que a concellaría de Promoción Económica puxo en marcha co obxectivo de contribuír á promoción do comercio local despois da crise motivada pola COVID19. En total vendéronse 2 584 tarxetas o que supón un importe neto de 127 660 euros.

Cómpre salientar que o récord de vendas produciuse o día 1 de outubro en que os clientes gastaron no comercio local 7 589 euros en 251 establecementos. A esta cifra hai engadirlle cinco xornadas en que se superaron os 6.000 euros de vendas. Os pequenos establecementos de comercio, coma tendas de deporte ou librarías, seguidos dos restaurantes acumulan as maiores cifras de facturación.

A campaña Merc@mes, témolo todo! Puxo á venda 2800 tarxetas, 1000 de 50 euros e 1800 de 100 euros. Quedan por vender 64 tarxetas de 50 euros e 174 tarxetas de 100 euros. O sábado, 16 de outubro, poñeranse á venda as tarxetas-bono nunha carpa instalada na Praza da Maía de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou o éxito desta segunda fase da campaña xa que das 2800 tarxetas-bono postas á venda o pasado 15 de setembro quedan menos de 300. E engadiu “as tarxetas estanse gastando en distintos sectores e eso quere dicir que se está axudando un pouco a todos eles. É de agradecer a implicación nesta campaña das tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio e da veciñanza amesá”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La campaña del bono Reactiva de Ames ya movilizó el 90 % de los fondos"

El Correo Gallego: "Ata cento noventa comercios xa se beneficiaron dos Bonos Reactiva"

Os comercios adheridos á campaña das tarxetas Merc@ames obtiveron unha media de preto de 616 euros