Pestanas principais

Os clubs e asociacións deportivas de Ames reciben 75.000 euros de subvención

Xoves, 28 de marzo de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o reparto das axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames durante o exercicio 2018. Un total de 23 entidades puideron beneficiarse desta convocatoria, para a que o goberno municipal destina un total de 75.000 euros, unha contía que foi incrementada nun 50%. O prazo de xustificación das axudas da convocatoria de subvencións para promoción de actividades levadas a cabo no ano 2018 por clubs e asociacións deportivas remata o 31 de marzo de 2019.

Esta convocatoria de axudas está destinada a promover as actividades desenvolvidas durante o pasado ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Así, puideron acollerse a esta subvención as actividades de índole deportiva desenvolvidas por entidades deportivas municipais, así como a adquisición de material inventariable cun límite dun 20% do orzamento total. O importe individual das achegas concedidas non superou os 9.000 euros.

En base a isto, o Concello de Ames aprobou na Xunta de Goberno Local do 22 de marzo o reparto dun total de 75.000 euros para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas durante o exercicio do pasado ano, que se dividiu entre 23 entidades. Agora, ditas asociacións e clubs amesáns teñen de prazo para presentar os documentos de xustificación de gastos ata o 31 de marzo de 2019.

Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de persoas, promovendo, ao mesmo tempo, a participación activa das veciñas e veciños de Ames no deporte, como medio de promover a formación das xeracións máis novas e de propiciar unha boa convivencia.

O reparto das cantidades atópanse baremadas segundo as bases aprobadas no Consello de deportes por todos os clubs e entidades, conxuntamente co goberno municipal. Nesta convocatoria seguiuse apostando por primar o deporte feminino e a promoción da actividade nas categorías de base. As bases desta convocatoria de axudas acaban de ser novamente melloradas de cara a este ano 2019 co obxectivo de acadar unha división destas subvencións entre deportes federados e actividades.

Estadísticas deportivas
Entre as 23 entidades deportivas destacan os clubs de atletismo Millaraio e o de piragüismo Ribeiras do Tambre que foron os que maior puntuación alcanzaron con 87 puntos cada un. O terceiro club con maior puntuación foi o Omega de patinaxe do Milladoiro con 72 puntos.

No tocante ao número de licencias federativas presentadas polos clubs amesáns a cifra alcanzou unha cantidade récord de 1.335 deportistas, fronte aos 1.096 do ano pasado, e aos 911 de 2016, o que implica un incremento do 46% nestes últimos dous anos, amosando o bo traballo que se está a realizar neste eido.

Outro dato significativo que se extrapola da convocatoria deste ano é o número de equipos en diferentes disciplinas deportivas que se atopan competindo a diferentes niveis e que alcanza os 75, 11 máis que hai dous anos. No tocante ao número de deportistas femininas que están a practicar algunha disciplina deportiva nalgún dos clubs de Ames a cifra deste ano achégase ás 470, 95 rapazas máis que hai dous anos cun incremento do 25% de presenza feminina nas entidades de Ames.

“O feito de ter incluído na baremación a aposta polo deporte feminino parece que está a dar os seus froitos”, sinala Miñones, concelleiro de Deportes e alcalde de Ames.

Ligazóns

Os clubs e asociacións deportivas de Ames reciben 75.000 euros de subvención