Pestanas principais

Os centros públicos de ensino de Ames amosan interese en que se estenda o estudo sociolingüístico do CEIP Agro do Muíño a todos eles

Venres, 05 de outubro de 2018

[05-10-2018] Este xoves, 4 de outubro, desenvolveuse unha xuntanza no Pazo da Peregrina co obxectivo coñecer a opinión dos centros de ensino público de Ames en relación á extensión do informe sociolingüísticos do CEIP Agro do Muíño a todos eles. A idea é elaborar o mapa sociolingüístico do concello de Ames sobre as franxa de idade de 0 a 19 anos, para que os centros elaboren os seus propios plans lingüísticos e o Concello estableza as liñas xerais da súa política lingüística municipal en relación á infancia e a mocidade.

Mapa sociolingüístico do concello de Ames
Foi unha primeira toma de contacto para ver a posibilidade de ampliar o estudo feito no CEIP Agro do Muíño ao resto de centros públicos do concello, co obxectivo de elaborar un mapa sociolingüístico do concello de Ames. Dito informe preténdese que sirva de modelo para que os centros elaboren os seus plans lingüísticos e o Concello estableza as liñas xerais da súa política lingüística municipal. Outras das finalidades deste traballo é activar entre a veciñanza a necesidade e impulsar e fomentar un proceso de normalización lingüística.

Planificación de actividades para o curso 2018-2019
Por outra banda, esta reunión tamén serviu para falar e planificar as actividades que se van a levar a cabo entre os equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de infantil e primaria e mailo Concello de Ames. Así, estableceuse que as actividades que se van a desenvolver durante o curso 2018-2019 son: o Concurso de Cartas de Nadal; actividades do mes de Rosalía de Castro; Certame artístico – literario Intercentros; e actividades das Letras Galegas.

Na xuntanza participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, o concelleiro de Educación, David Santomil; a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, así como representantes dos equipos directivos e dos equipos de Normalización Lingüística de todos centros de ensino público de Ames non municipais: escolas da Rede Galiña Azul, centros de educación infantil e primaria e institutos de educación secundaria e bacharelato. Para realizar este traballo, dende o Concello de Ames preténdese asinar un convenio de colaboración coa Real Academia Galega, polo que tamén asistiu Xaquín Loredo, membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e autor do informe sobre Agro do Muíño.

A pasada semana, representantes da Real Academia Galega, do Concello de Ames e do CEIP Agro do Muíño, presentaron no salón de Plenos da Casa do Concello o informe A lingua no CEIP Agro do Muíño. O estudo, un dos máis completos realizados ata o momento sobre o galego nun centro escolar, baseouse nas enquisas administradas desde o propio colexio a todas as familias e alumnos e alumnas de infantil e primaria e mais ao profesorado, para coñecer a situación sociolingüística da comunidade educativa e poder así levar a cabo unha axeitada planificación das posibles intervencións neste eido.

No dito acto, dende o Concello expresouse a vontade de aproveitar esta información para seguir a traballar nesta dirección nos múltiples eidos nos que ten capacidade de acción, desde a rede municipal de servizos educativos complementarios de conciliación ata as actividades deportivas e lúdicas dirixidas ao público máis novo.

Deste xeito, esta mesma semana xa realizou unha xuntanza para tratar de estender este estudo ao resto de centros públicos de ensino de Ames con rapaces e rapazas escolarizados de 0 a 18 anos. En dita reunión participaron representantes das escolas infantís municipais, así como das escolas da Rede Galiña Azul, dos centros de educación infantil e primaria e dos centros de educación secundaria e bacharelato. Para realizar este traballo, dende o Concello de Ames, preténdese asinar un convenio de colaboración coa Real Academia Galega.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Máis centros de Ames súmanse ao estudo sociolingüistico do galego"
La Voz de Galicia: "Ames ampliará a todos os centros escolares o estudo do uso do galego"