[10-05-2016] O sábado 6 de maio desputouse nas pistas do polideportivo de A Malata, en Ferrol, o Campionato de Galicia Cadete-Xunior de Clubes. Arredor de 500 deportistas participaron nesta cita na que o equipo cadete masculino do club amesán Millaraio coroouse campión galego, por segundo ano consecutivo. O equipo cadete feminino logrou acadar a novena praza no campionato.
10 equipos competían na fase masculina e 13 na feminina; os grupos debían de estar formados por un máximo de 6 deportistas cada un. Dende a súa páxina web o club de atletismo expresou a súa satisfacción polos bos resultados dos equipos de cadetes masculino e feminino. Destacan ademais o éxito que supón para os rapaces gañar de novo este campionato por segunda vez, tras acadar un resultado de 98 puntos nas distintas probas. Para o Millaraio as competicións por equipos son “o obxectivo principal da tempada”.




