Pestanas principais

Os Bolechas ensinan ao alumnado amesán de Primaria o mundo do voluntariado

Xoves, 26 de abril de 2018

[26-04-2018] A concelleira de Voluntariado, Isabel González, acompañadada do técnico municipal de Voluntariado, Rubén Ramos, vén de entregar, aos centros de Educación Primaria e ás bibliotecas municipais do concello, un novo libro dos Bolechas centrado no mundo da acción voluntaria. Editado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, o libro busca ser unha guía didáctica coa que dar a coñecer o significado do compromiso social e da solidariedade a través do voluntariado.


Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias
é o título do novo libro desta afamada familia de seis irmáns. Editado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coa axencia de edición Bolanda, o libro quere ser unha guía didáctica coa que achegar ás máis cativas e cativos o mundo do voluntariado. Con este obxectivo, a concelleira de Voluntariado do Concello de Ames, Isabel González, xunto co técnico municipal de Voluntariado, Rubén Ramos, veñen de entregar varios exemplares aos colexios de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e A Maía, así como ás bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. No CEIP da Maía, os libros foron recollidos polas crianzas voluntarias da biblioteca.

O conto presenta o labor do voluntariado a través das diferentes accións que desenvolven varios dos membros da familia Bolechas. Desta maneira, son as tías e os tíos dos Bolechas, as súas avoas e avós, así como os seus pais, os encargados de introducir aos irmáns no significado do voluntariado e da súa importancia para á protección do medio ou o coidado doutras persoas. Ademais, o conto presenta unhas atractivas ilustracións e emprega unha linguaxe accesible ao público infantil ao que está dirixido.

A finalidade de Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias é que as cativas e cativos se comprometan e participen, na medida das súas posibilidades, na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Así mesmo, a obra busca ensinar ás crianzas a detectar necesidades sociais e a identificar as causas que as provocan.



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Los Bolechas enseñan al alumnado de Ames de Primaria el mundo del voluntariado"