Pestanas principais

Os aspectos fiscais e xudiciais do traballo autónomo centran o último dos obradoiros de novembro do programa Vives Emprende

Xoves, 23 de novembro de 2017

[23-11-2017] Este xoves, día 23, terá lugar o último dos obradoiros de novembro encadrado dentro do programa Vives Emprende, que está organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e en colaboración coa ONG Acción contra a Fame. Centrado nos aspectos fiscais, xudiciais e laborais do traballo autónomo, o obradoiro desenvolverase no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, en Aldea Nova, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Alén deste, o programa Vives Emprende incluíu en novembro a realización de dous obradoiros centrados, respectivamente, no marketing e nos estudos de mercado e nas vendas na internet. Para participar dos obradoiros do Vives Emprende é preciso inscribirse previamente a través do número de teléfono do departamento de Promoción Económica, o 981 883 002, do número da asociación Acción contra a Fame, o 689 869 465, ou do enderezo de correo electrónico mlloves@accioncontraelhambre.org.

O programa Vives Emprende está dirixido a persoas do concello de Ames desempregadas ou con empregos precarios, que teñan unha idea emprendedora e que estean a pensar en levala a cabo. O programa, que está conformado por diferentes obradoiros, púxose en marcha o pasado outubro. Este xoves, 23 de novembro, celébrase o último destes obradoiros do mes de novembro, que estará centrado nos aspectos fiscais, xudiciais e laborais do traballo autónomo. Nel abordaranse cuestións como a elección da forma xurídica, a fiscalidade (o IRPF e o IVA) e a cotización no réxime especial de traballadoras e traballadores autónomos. 

Durante o mes de novembro, realizáronse dous obradoiros máis encadrados dentro do programa Vives Emprende. O primeiro deles celebrouse o pasado 9 de novembro e estivo orientado ao marketing e aos estudos de mercado. Deste xeito, as persoas asistentes a este obradoiro aprenderon os pasos a seguir para a elaboración deste tipo de estudos, así como as diferentes técnicas de investigación e de recollida de datos existentes para a realización dun plan de marketin. O 16 de novembro, desenvolveuse o obradoiro A miña empresa na internet, que puxo o foco na venda de produtos ou servizos na rede, dándolle especial importancia á publicidade, á comunicación e ás alianzas con outras empresas.

O 14 de decembro, o programa Vives Emprende retoma as súas actividades coa realización do obradoiro Claves e técnicas para negociar con éxito. Para participar, será preciso inscribirse chamando ao Concello de Ames, ao número 981 883 002, do departamento de Promoción Económica ou ben ao propio número da asociación Acción contra a Fame 689 869 465. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo mlloves@accioncontraelhambre.org

O Vives Emprende está organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e en colaboración coa ONG Acción contra a Fame. Financiado polo Fondo Social Europeo, o programa ofrece acompañamento técnico especializado e apoio, a través de titorías individuais, ás persoas participantes. Nel trabállanse fundamentalmente dous eixos. Por unha banda, están os contidos de carácter técnico vinculados ao desenvolvemento da idea, ao plan de negocio e á análise económica e financeira, entre outros aspectos. Pola outra, están os contidos competencionais, que inclúen o desenvolvemento de habilidades emprendedoras que axudan ás persoas a afrontar o proceso de forma eficaz. O obxectivo do Vives Emprende é o de fomentar o espírito emprendedor, coa finalidade de facilitar o acceso ao mundo laboral, a través do emprego por conta allea ou do autoemprego, das persoas participantes.