Pestanas principais

Os amesáns Paula e Manuel Blanco proclámanse campións galegos de Savate Assaut

Sábado, 22 de abril de 2023

Os irmáns Paula e Manuel Blanco, veciños de Ortoño, participaron a pasada fin de semana no Campionato Galego de Savate Assaut. Paula Blanco proclamouse campioa galega en Savate Assaut Senior menos de 56 quilos. Pola súa banda, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, logrou o título de campión galego en Savate Assaut 10-11 anos menos de 36 quilos. A vindeira cita deportiva dos irmáns Blanco será o Campionato de España Senior MMA que terá lugar en Guadalaxara entre o 4 e o 7 de maio.

O savate ou boxeo francés é un deporte de combate que emprega tanto as mans coma os pes como armas. Esta arte marcial inclúe elementos do boxeo occidental, técnicas de agarre e técnicas de perna.

Paula e Manuel Blanco, veciños de Ortoño dende 2015, realizaron dúas grandes actuacións no Campionato Galego de Savate Assaut celebrado o pasado domingo 16 de abril en Narón. Os dous irmáns proclamáronse campións galegos de Savate Assaut. Tras varios combates Paula converteuse en campioa galega en Savate Assaut Senior da súa categoría, menos de 56 quilos. Pola súa banda, Manuel proclamouse campión galego en Savate Assaut 10-11 anos da categoría de menos de 36 quilos.

Ademais do título acadado esta competición serviulle aos irmáns Blanco de rodaxe e posta a punto para o Campionato de España Senior de Artes Marciais Mixtas que terá lugar en Guadalaxara entre o 4 e o 7 maio.

Traxectoria nos deportes de contacto
Paula Blanco, que compite en categoría absoluta, entrou no mundo dos deportes de contacto aos 5 anos, cando empezou a practicar taekwondo como actividade extraescolar. Dende esta arte marcial deu o paso eventualmente ao kickboxing, unha disciplina máis dirixida á competición. No 2016 gañou o campionato de España na categoría previa á absoluta, e dende entón Blanco é considerada deportista galega de alto nivel, tendo logrado varios ouros nos campionatos autonómicos e estatais.

Pola súa parte, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, leva viaxando con Paula dende pequeno a diversos campionatos por toda a xeografía galega e española, o que o animou a practicar tamén este deporte e facerse tamén con numerosas medallas.

Paula e Manuel Blanco

Multimedia

  • Paula Blanco
  • Manuel Blanco