- Tematica
O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizou este sábado, 28 de xuño, unha das probas de supercross da Galicia League. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012. Nesta proba que se desenvolveu no circuíto SX Alex de Moure, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participaron os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Os pilotos amesáns, Jorge Paradelo e José Manuel Moure, subiron ao podio ao rematar na segunda posición na categoría pro e amateur respectivamente. Participaron 43 pilotos repartidos en sete categorías, dos cales remataron 37.
O bo tempo acompañou para o desenvolvemento do “Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2025”, que contou cunha gran afluencia de público no circuíto SX “Alex de Moure”. A pesar do calor que fixo o circuíto estivo en boas condicións e non se levantou moito po, o que permitiu ao público ver un bo espectáculo e aos pilotos competir en boas condicións.
Pola mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, os pilotos participaron nos adestramentos libres e de clasificación. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, realizáronse as probas de competición que estiveron composta de dúas mangas por categoría.
Esta proba, que se desenvolveu no circuíto SX Alex de Moure, na parroquia da Ameixenda, forma parte dun campionato de supercross e motocross a nivel autonómico, denominado “Galicia League, Crono Racing”, nas que participan os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. A través desta proba trátase de potenciar o deporte de base na modalidade do supercross e motocross.
Os participantes inscritos na proba estiveron divididos en sete categorías diferentes: pro, elite, amateur, 85cc, 65cc, 50cc +6 anos e 50cc -6 anos. Participaron 43 pilotos repartidos en sete categorías, dos cales remataron 37.
Resultados das sete categorías
Na categoría pro gañou Valentino Vázquez; segundo foi o piloto amesán, Jorge Paradelo; e terceiro quedou Jacobo Román. Por outra banda, na categoría elite o gañador foi Federico Sánchez, segundo quedou Anxo Cabrero, e terceiro foi Alberto Fernández.
Ademais, na categoría amateur o primeiro clasificado foi Rubén Duraiz, segundo Juan José Vieito, e terceiro o piloto amesán, Jose Manuel Moure. Na categoría 85cc gañou Bryan Martínez, segundo quedou Álvaro Torres e terceiro foi Brais Gómez.
Por outra banda en 65cc o primeiro clasificado foi Thiago Rodríguez, seguido de Noel Carracedo e Iker Martínez. Na categoría 50cc +6 os tres primeiro clasificados foron David Cortizo, Hugo Lago e Naamy Martínez. Por último, na categoría 50cc -6 o primeiro foi Alex González, segundo Owen Prado e terceiro Lucas Rargmakea. Cómpre destacar que houbo dúas pilotos inscritas pero non puideron competir na categoría de féminas ao non haber suficientes mulleres inscritas. Unha delas participou na categoría masculina amateur e outra en 65cc.
Tamén cómpre destacar que na segunda manga da categoría profesional houbo un accidente que provocou a caída de varios pilotos. Dous deles tiveron que abandonar a carreira e ser trasladados ao hospital, polo que houbo que neutralizar a carreira e aplicáronse os resultados da primeira manga para a clasificación final. Os dous pilotos que tiveron que acudir ao hospital xa foron dados de alta.
Novidades no circuíto SX Alex de Moure
O circuíto SX Alex de Moure dispón dunha pista de 680 metros e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Para esta edición do Gran premio Concello de Ames de supercross realizáronse varias melloras no circuíto. O trazado dispuxo de máis ancho e contou cun novo salto. Ademais, este ano aplicouse un novo material máis arxiloso en toda a pista o que permitiu que tivese maior resistencia á humidade.
Este recinto de máis de 19.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro gratuíto, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Los pilotos locales Paradelo y Moure brillaron en el Gran Premio Concello de Ames de supercross"
Diario de Santiago: "Os amesáns Jorge Paradelo e José Manuel Moure soben ao podio no Gran premio Concello de Ames de supercross 2025"
Bisbarra: "O Gran Premio de Supercross Concello de Ames reúne a 43 pilotos no circuíto SX Álex de Moure"



























