Pestanas principais

Os alumnos/as dos centros de ensino amienses elixen democraticamente o menú de fin curso

Sábado, 11 de xuño de 2011

[11-06-2011] Este venres celebráronse no Concello de Ames unhas eleccións moi curiosas. Tralas eleccións municipais do pasado 22 de maio agora foi a quenda dos máis pequenos. O alumnado amiense dispuxo de todo o necesario para celebrar os comicios: urnas, papeletas, listas e, por suposto, electores e electoras. A única diferenza con respecto a unhas eleccións convencionais é que neste caso os candidatos non fixeron campaña nin tampouco deron mitins. O departamento de Educación dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede municipal de comedores escolares de que elixan o menú de fin de curso. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía e na EEI do Milladoiro. O alumnado do CEP de Ventín xa votou este pasado xoves.


Desde primeiras horas da mañá nos centros de ensino de Ames non se falaba doutra cousa. Os nenos e as nenas que utilizan o servizo de comedor participaron nunhas eleccións ben curiosas. Os comicios serviron para elixir o menú que se servirá o último día deste curso escolar. Croquetas de xamón, churrasco con patacas fritas, albóndegas con arroz, peituga rebozada con pasta, pizza e pescada rebozada eran as opcións que incluía a papeleta para o prato forte do día, mentres que para a sobremesa ofrecíase a posibilidade de elixir entre peladillo, xeado de corte de tres sabores, iogur de chocolate, polo de laranxa ou limón e amorodos con iogur.

O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da rede municipal de comedores escolares. Deste xeito realízase unha negociación cos nenos e nenas para que ademais de xantar a comida que eles escollen tamén teñan que comer un prato de verdura imposto polo departamento de Educación. Aínda que o curso remata o día 22 de xuño este menú servirase o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais. Aínda que a maioría do alumnado respectou a opinión dos seus compañeiros houbo algún pícaro que intentou convencer aos seus amigos e amigas para que votasen polo seu menú favorito.

As eleccións desenvólvense hoxe nos comedores do CEIP Agro do Muíño que conta cun censo de 194 rapaces e rapazas, no CEIP A Maía no que participaron 304 alumnos e na EEI do Milladoiro na que 187 nenos e nenas elixiron o seu menú favorito. No CEP de Ventín, que ten un censo de 150 electores, as eleccións celebráronse este pasado xoves. Neste último colexio cómpre dicir que normalmente son arredor de 277 os alumnos que empregan o servizo de comedores, pero debido a que durante o mes de xuño non hai clase polas tardes a metade dos nenos e nenas escolleron xantar nas súas casa.

Este é o sexto ano no que se celebran eleccións na rede municipal de comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico. Ata o de agora a pizza foi o claro vencedor nas edicións anteriores. Este ano incluíuse o churrasco con patacas fritas. Ata o de agora nunca se serviron patacas fritas na Rede Municipal de Comedores Escolares. En canto á sobremesa, despois de que o ano pasado gañase o polo de limón, este ano volveuse a incluír esta opción. Haberá que esperar ao escrutinio para despexar estas incógnitas. As urnas volverán a falar durante esta xornada electoral e pronto poderemos coñecer cales son os pratos escollidos este ano polos nenos e nenas de Ames.