[23-06-2014] Pola Escola de Educación Infantil do Milladoiro pasan centos de nenos e nenas que, polo xeral, permanecen tres anos e logo marchan para iniciar os estudo de educación primaria noutros centros, deixando un bonito recordo que, inexorablemente, se vai esmorecendo co tempo. Para ter un recordo de cada alumno/a, este ano dende a EEI do Milladoiro decidiuse poñer en marcha unha novidosa iniciativa a través da cal se elaboraron varias esculturas compostas por pedras que levan os nomes dos alumnos/as do último curso. O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación, colaborou nesta curiosa iniciativa. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, estivo na escola vendo como se realizaba esta obra escultórica.
Na exposición “Auga doce” da Cidade de Cultura no Gaiás, tanto os alumnos/as como os mestres/as quedaron engaioladas cunha escultura de Manolo Paz, “Catedrais”, unha composición de lousas, e isto resultoulles inspirador para decidir o que facer como recordo de todos os nenos e nenas que pasan pola escola.
Así que, como unha chiscádela á tradición, e como homenaxe a cada promoción, acordaron facer un “Milladoiro de nenos”. Para desenvolver esta iniciativa houbo que desenvolver un gran traballo que consistiu en facer estruturas de ferro, asentalas con formigón, mercar pedra, furala, transportala, ensamblala, etc.
O resultado foi magnífico. Cada neno/a puxo o seu nome nunha pedra que pasou a formar parte dunha das cinco torres Milladoiro (unha por cada grupo que se vai). Na base, a máis grande, a da titora; pechando, as das especialistas e apoios. Agora, cando os ex-alumnos/as pasen polo centro, saberán que alí pasaron tres anos da súa infancia e que son un anaco dunha escultura que simboliza tanto o nome e orixe da localidade do Milladoiro, como o seu paso por este centro escolar. E todos os peregrinos que pasen por diante deste colexio, poderán ler nun panel informativo (elaborado nunha placa de policarbonato) as orixes deste topónimo.
O Milladoiro, onde está situada esta escola, é o último paso do camiño Portugués antes da chegada a Santiago de Compostela. De feito o nome desta localidade dise que provén da derivación da palabra “humilladoiro”, lugar onde os peregrinos se prostraban perante a visión no horizonte das torres da catedral tras un longo e dificultoso camiño. Outras posibilidades son que O Milladoiro proveña de “miradoiro”, lugar desde onde se avistaba Compostela, ou de “Milladoiro de pedras”, onde os peregrinos desde tempos ancestrais deixaban unha pedra.
A día de hoxe, ducias de peregrinos pasan por diante deste centro escolar, e mesmo entran para selar a súa credencial, sendo para o alumnado deste colexio algo cotiá ver pasar grupos de peregrinos a pé, a cabalo ou en bicicleta, e mesmo os saúdan con alegría. Pero poucos camiñantes saben da orixe do Milladoiro, levando a impresión de que é a típica poboación dun polígono industrial.




