Pestanas principais

Os alumnos/as do programa municipal Bos días Cole participan nun programa de Educación Viaria que rematou cunha charla da Policía Local de Ames

Xoves, 22 de maio de 2014

[22-05-2014] Os preto de 300 alumnos/as que están inscritos no programa municipal de Bos días Cole participaron nun programa de Educación Viaria, que rematou cunha charla dos axentes da Policía Local de Ames sobre as normas de circulación e de seguridade que hai que adoptar á hora de circular pola rúa. Os rapaces e rapazas participaron en varios obradoiros e xogos de elaboración de sinais de tráfico. Tamén se lles explicou aos rapaces e rapazas que deben axudar aos seus pais e nais cando fan mal as cousas: conducir falando polo móbil, non cruzar polos pasos de peóns, etc.


Os alumnos de educación infantil e de primaria fan uso das vías públicas como peóns ou como viaxeiros. Por ese motivo dende o programa municipal de Bos días Cole impartiuse unha actividade, que está incluída dentro do programa educativo deste servizo, sobre a educación viaria. A través desta iniciativa pretendeuse concienciar aos nenos e nenas da importancia de adoptar unhas actitudes viarias positivas, encamiñadas á creación do sentido viario, a convivencia e as pautas axeitadas para unha mobilidade segura.

Deste xeito, os 286 alumnos/as que acoden a servizo municipal do Bos días Cole, que se imparte no CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro, participaron nun programa de Educación Viaria. Esta actividade rematou cunha charla dos axentes da Policía Local de Ames sobre as normas de circulación e de seguridade que hai que adoptar á hora de circular pola rúa. Os rapaces e rapazas participaron en varios obradoiros e xogos de elaboración de sinais de tráfico. Este programa estivo dirixido ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria.

Os axentes da Policía Local de Ames tamén lle explicaron aos rapaces e rapazas por onde teñen que cruzar unha estrada e impartiron unha serie de recomendacións de seguridade como ir da man dos seus pais/nais cando circulan pola rúa e cando cruzan por un paso de peóns. Tamén se lle deron unhas pautas de seguridade para saber o que teñen que facer cando quedan sós nas súas casas como é non abrirlle a porta a persoas estrañas ou cando navegan pola Internet. Por último, explicóuselle aos rapaces e rapazas que deben axudar aos seus pais e nais cando fan mal as cousas: conducir falando polo móbil, non cruzar polos pasos de peóns, etc.

A Policía Local de Ames participa habitualmente en cursos e programas de educación viaria cos centros educativos amienses. A través deste programa preténdese que o alumnado adquira diversos coñecementos para saber como camiñar pola beirarrúa; coñecer como se cruza polos pasos de peóns e nas vías que non hai pasos de peóns; como subir e baixar dos vehículos; como viaxar adecuadamente en autobús; e usar o casco sempre que circulen en bicicleta.

Os pais e nais son os primeiros instrutores do neno/a
Por outra banda, tamén é moi importante a aprendizaxe que lles imparten os pais e nais, xa que son o primeiro instrutor do neno/a na súa aprendizaxe sobre seguridade viaria e no modelo que vai a adoptar no seu futuro comportamento. Os nenos irán adquirindo os coñecementos básicos, ao tempo que se lles pon en alerta dos posibles perigos cando se fan as cousas mal e das vantaxes cando se fan correctamente.

Diversos estudos indican que a mellor idade para iniciar aos nenos/as na educación viaria é entre os 3 e os 5 anos, debendo continuala durante os ciclos de educación primaria e secundaria con novas ensinanzas en función da súa idade e da súa interrelación co mundo que os rodea: funcionar só como peón, no seu novo papel de ciclista, como condutor dun ciclomotor, etc. Neste sentido, o ideal é manter unha combinación entre as mensaxes verbais, de iconas e de comportamento para conseguir unha educación viaria efectiva.