[18-05-2016] Este mércores, 18 de maio, remata o obradoiro de narración oral e animación sociocultural que foi impartido por Charo Pita. As sesións, de tres horas cada unha, dividíronse en catro xornadas (25 de abril e 11, 16 e 18 de maio). O obradoiro estivo dirixido a mestres/as, bibliotecarios/as, animadores/as socioculturais e persoas interesadas na narración oral. Para rematar os participantes nesta actividade terán que impartir unha sesión de contacontos nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro.
A concellaría de Educación e Cultura puxo en marcha este ano un novo obradoiro de narración e animación sociocultural, que se impartiu os días 25 de abril e 11, 16 e 18 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta actividade, que estivo impartida pola contacontos Charo Pita, participaron arredor de 15 persoas. No curso impartíronse nocións para que os participantes aprenderan a desenvolverse fronte ao público, achegando recursos aos e ás alumnos/as para enriquecer as súas narracións.
Nas sesións deste obradoiro o alumnado introduciuse no universo da narración oral. Charo Pita, narradora e contacontos experimentada, dirixiunos durante as catro xornadas de aprendizaxe, de tres horas cada unha. Xogos de desinhibición, actividades de escritura e dramatización de historias foron algunhas dos exercicios levados a cabo polos alumnos e alumnas.
A parte práctica deste obradoiro desenvolverase o vindeiro luns 23 de maio. Os e as participantes botarán man do aprendido neste obradoiro para entreter, divertir e espertar a imaxinación dos nenos e nenas que acudan ás bibliotecas de Bertamiráns, ás 17:00 horas, ou do Milladoiro, ás 18:30 horas, cos seus pais e nais. Estas sesións de contos son gratuítas e de asistencia libre.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Os alumnos do obradoiro de narración realizarán as prácticas nas bibliotecas"




