Pestanas principais

Os alumnos/as do obradoiro de emprego Encontro Verde traballan no acondicionamento e posta en marcha do viveiro de Barouta, que se atopaba abandonado

Sábado, 02 de febreiro de 2013

[02-02-2013] Os alumnos/as traballadores/as que forman parte do obradoiro de emprego Encontro Verde, realizado en colaboración entre os concellos de Ames e Brión, realizaron durante este primeiro mes diversas tarefas prácticas como limpezas, desbroces, podas e acondicionamento de zonas verdes. Combinando as prácticas coa formación teórica, os alumnos e alumnas levaron a cabo actuacións en distintos puntos do Milladoiro, Aldea Nova e Barouta.

Formación teórica
Ademais da parte práctica, os alumnos/as do obradoiro Encontro Verde reciben unha formación teórica que os achega aos diferentes aspectos da xardinería. Deste xeito, aprenden todas as cuestións relacionadas co mantemento dun xardín. Por exemplo, aprenderon a identificar as características topográficas dun terreo e os medios materiais necesarios para o replanteo dun xardín ou a teoría sobre a instalación dun sistema de rego. Neste primeiro mes, tamén lles ensinaron a seleccionar, preparar, manexar e manter a maquinaria e ferramentas adecuadas para cada labor ou a acondicionar as instalacións dun invernadoiro.

Para poñer en marcha o obradoiro de emprego Encontro Verde, que levan a cabo en colaboración Ames e Brión, a Consellería de Traballo e Benestar concedeulle ao Concello unha subvención de preto de 240.000 euros. Ademais, os concellos de Brión e Ames contribuíron a esta iniciativa con 50.000 euros.

Neste obradoiro, formaranse 27 alumnos/as traballadores/as e darase emprego a un total de 34 persoas (incluíndo director, titor e mestres do obradoiro). A especialidade que se imparte, cunha duración de 960 horas, é a de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes. Os alumnos e alumnas traballarán durante seis meses na recuperación de espazos verdes do municipio, tentando facelos sostibles. O obxectivo deste obradoiro é cualificar profesionalmente aos participantes e favorecer a súa inserción laboral, mediante a formación e a práctica profesional.

Esta semana, o rexedor amiense, Santiago Amor; o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Bernardo Moar, e o técnico municipal encargado do obradoiro puideron comprobar as actuacións que veñen desenvolvendo os alumnos. Deste xeito, desprazáronse ata o viveiro de Barouta, onde se atopaban traballando. Nesta zona, acometeron a limpeza e acondicionamento da finca e levaron a cabo a reposición da estrutura, colocación do plástico e acondicionamento do invernadoiro de Barouta, así como do umbráculo e malla de sombreo. Ademais, procederon á apertura de canalizacións na finca.

Durante a súa visita, o alcalde e o concelleiro observaron os traballos que realizan os alumnos/as do Encontro Verde, e que están permitindo acondicionar esta finca de cara a aproveitar este invernadoiro para futuros usos do Concello. En Barouta, o alcalde amiense subliñou que este obradoiro, que dá emprego a un total de 34 persoas, foi posible “grazas á colaboración entre Ames e Brión, que foi un primeiro paso para chegar a outros posibles acordos”. Santiago Amor destacou que “o que se pretende é non só que estas persoas teñan un traballo temporal, senón que tamén se busca que xurdan iniciativas empresariais e que os alumnos/as poidan optar ao mercado laboral por outras vías”.

Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica e Emprego fixo fincapé en que grazas a este obradoiro “os concellos de Ames e Brión poderán mellorar as súas zonas verdes”. Ademais, engadiu, “Ames poñerá en marcha o viveiro de Barouta, unha infraestrutura abandonada e inutilizada desde hai sete anos, o que lle permitirá ao Concello aforrar no futuro unha contía moi importante que se inviste en plantas”.

O traballo deste obradoiro tamén permitirá poñer en marcha o terreo municipal situado en Aldea Nova, con máis de 8.000 metros cadrados e que se empregará como viveiro de árbores. O obxectivo é poñer en valor este terreo e establecer nel unha plantación de árbores froiteiras con especies autóctonas do Val da Maía.

Os alumnos/as traballadores/as tamén realizaron durante este primeiro mes de formación unha intervención na finca municipal de Aldea Nova. Neste lugar, limparon, desbrozaron e acondicionaron a zona do viveiro. Ademais, trasladáronse ata o núcleo do Milladoiro para levar a cabo unha poda na rúa Anxeriz, na praza de Manuel Murguía e no contorno axardinado da Travesa da Moa.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El obradoiro amaián recuperará un vivero y la huerta de Ames"