Pestanas principais

Os alumnos/as da escola municipal infantil A Madalena visitan a oficina de correos do Milladoiro para enviar a postal do día do Pai

Luns, 18 de marzo de 2013

[18-03-2013] Un ano máis os nenos e nenas de 2 a 3 anos da Escola Infantil Municipal A Madalena visitaron a oficina de correos do Milladoiro, para enviar a postal que felicitará aos seus papás este martes, 19 de marzo, con motivo da celebración do día do Pai. Ademais, unha das traballadoras desta oficina explicoulles aos nenos/as o funcionamento deste servizo. Esta actividade encádrase dentro do programa de saídas que realizan ao longo do ano para ir coñecendo o seu entorno e aspectos deste fundamentais para a vida diaria. Por último, as encargadas da oficina déronlle a todos os alumnos/as un conto "El gran viaje de Gustavo", como agasallo pola visita realizada.

Dar a coñecer aos máis pequenos o seu entorno inmediato de forma que poidan desenvolverse no seu día a día e aprender sobre aquilo que teñen máis achegado son os obxectivos do programa Coñecendo o entorno máis próximo. Nesta ocasión, os nenos e nenas de 2 a 3 anos de idade da Escola Infantil Municipal A Madalena do Milladoiro visitaron o venres pasado a oficina de correos situada preto do seu centro e pasaron unha mañá diferente, entretida e instrutiva. Alí puideron observar o traballo diario que levan a cabo os diversos operarios e o sistema de funcionamento da oficina. Uxía foi a encargada de recibilos na oficina de correos do Milladoiro e explicarlles como funciona este servizo.

A viaxe constou de dúas partes. Primeiro os nenos e nenas tiveron que escribir na escola unha postal e introducírona nun sobre coa dirección dos seus pais. A continuación dirixíronse a pé á oficina de correos onde a selaron e a enviaron para felicitar aos seus pais nunha data tan sinalada como é a do 19 de marzo. Deste xeito, cando lles chegue á casa, poderán comprender un pouco mellor o conxunto do traballo que se fai en correos, vendo como a postal por eles deixada na oficina está agora na casa.

Esta saída non é a única que realizan os pequenos ao longo do ano. Xa en Entroido puideron levar a cabo outra saída para familiarizarse con esta festa. Todas estas actividades do programa Coñecendo o entorno máis próximo pretenden achegar aos nenos e nenas ao seu exterior máis inmediato, así como ensinarlle o funcionamento de distintos organismos que son fundamentais para a súa vida diaria.