Pestanas principais

Os alumnos/as da escola infantil O Bosque celebran o Día da Paz

Venres, 30 de xaneiro de 2015

[30-01-2015] Debido a que este venres, 30 de xaneiro, se celebra o Día Internacional da Paz, os nenos e nenas da escola infantil municipal O Bosque, ao igual que os rapaces da maioría das escolas infantís galegas, estiveron durante toda esta semana falando e realizando diferentes actividades relacionadas con este tema. O alumnado tamén participou en varios obradoiros para elaborar distintas manualidades. Esta foi a fin dunha serie de actividades organizadas pola escola infantil para ensinarlle aos rapaces a importancia dos valores relacionados coa paz.

Ao longo desta semana os nenos e nenas da escola infantil O Bosque estiveron realizando varias actividades relacionadas coa celebración do Día da Paz. Deste xeito, participaron en diversos obradoiros encamiñados a favorecer distintas actitudes como compartir, axudar, portarse ben... Ademais, nos talleres de plástica das diferentes aulas, fixeron distintas manualidades, que serviron para decorar a entrada da escola. Unha vez rematadas todas estas actividades, cada neno/a puido levar as súas manualidades para a casa.

Todas as actividades levadas a cabo na escola infantil municipal O Bosque con motivo do Día Internacional da Paz están reflectidas nas fotografías que se tomaron durante toda a semana e que xa están expostas na entrada da escola. Deste xeito, todos os pais e nais que o desexen poderán ver como traballaron os seus fillos arredor desta temática e continuar con esa labor nas súas casas para reforzar o que xa aprenderon.