Pestanas principais

Os alumnos que empregan a Rede Municipal de Comedores Escolares rematan o curso xantando churrasco con patacas fritas e xeado

Xoves, 21 de xuño de 2012

[21-06-2012] Remata o curso 2011-2012 e os alumnos e alumnas que empregan a Rede Municipal de Comedores Escolares despediron o ano académico comendo churrasco con patacas fritas e xeado. Este menú foi elixido o 7 de xuño polos propios rapaces nunhas eleccións nas que o Concello dálles a posibilidade de elixir o menú de fin de curso. O alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado e acudiu ao comedor da Escola de Educación Infantil do Milladoiro para participar nesta comida.


O menú que degustaron hoxe os rapaces da Rede Municipal de Comedores Escolares estivo composto por ensalada de aguacate e sésamo, churrasco con patacas fritas e xeado de polo de laranxa ou limón. Aínda que o curso remata mañá, este menú sérvese o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa. O rexedor de Ames, Santiago Amor, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado amiense e acudiu ata o comedor da EEI Milladoiro para xantar. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o concelleiro de Servizos, Ramón García Argibay.

Nesta comida tamén participaron as concelleiras Olaia Alvite e Susana Mayo, así como a directora e o conserxe da EEI do Milladoiro. Foron invitados representantes das empresas de monitoraxe Ágora Aberta e Órbita Infantil e traballadores/as municipais dos servizos complementarios. Tamén acudiron os directores/as e unha representación dos membros das ANPAS dos cinco centros de educación infantil de Ames.


Os pratos que compuxeron o menú de fin de curso foron elixidos o pasado 7 de xuño nunhas eleccións que se organizan todos os anos co fin de que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.

Os comicios desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 331 votos; pizza, 253 votos; polo asado con patacas fritas, 83 votos; peituga rebozada, 65 votos; pescada rebozada con pasta tricolor, 38 votos; garavanzos á boloñesa, 18 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 303 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 277 votos. O biscoito acadou 98 votos; as cereixas, 70, e os amorodos, 49.