[28-02-2014] Este venres as escolas infantís O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, celebraron as súas correspondentes festas para dar a benvida ás datas do Entroido. Os máis cativos aproveitaron esta oportunidade para lucir os seus disfraces feitos por eles mesmos. As dúas escolas acolleron cadansúa festa na que se xuntaron nenos, pais e o persoal dos centros de ensino para compartir unha xornada de bo humor con produtos típicos do Entroido, música e diversión.
Os alumnos da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns estrearon durante a mañá do venres os disfraces que prepararon nas aulas de plástica ao longo de toda a semana. Este ano a temática elixida para elaborar os disfraces foron as profesións. Deste xeito, nenos/as e profesoras disfrazáronse de bombeiros/as, policías, mecánicos/as, doutores, xuíces, etc. En representación do goberno municipal asistiu ao festival a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín.
Por outra banda, na escola infantil da Madalena, no Milladoiro, os nenos e nenas escolleron como temática para elaborar os seus disfraces os diferentes elementos que hai nun bosque. Deste xeito, os nenos e nenas de 0 a 1 anos disfrazáronse de setas; os alumnos e alumnas de 1 a 2 anos vestíronse de mouchos e trasnos; mentres que os rapaces e rapazas de 2 a 3 foron de fadas do bosque e de trasnos. Polo maña, o alumnado e as profesora realizaron un desfile pola praza da Madalena. Xa pola tarde participaron nunha gran festa de Entroido, á cal tamén asistiu o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.




