[01-03-2014] O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofreceu este venres pola tarde na Casa da Cultura do Milladoiro o seu tradicional concerto de Entroido. O auditorio deste centro sociocultural rexistrou un cheo absoluto para gozar dunha hora e media de música na que puideron escoitar un total de 27 pezas de varios estilos musicais en guitarra, percusión, frauta, saxofón, violín e piano. Ademais, actuaron os grupos de canto e de combo. A través deste concerto, ao que asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, preténdese gozar coa música ao tempo que os alumnos e alumnas da escola demostran o que aprenderon dende o comezo do curso. Con este concerto deuse inicio as diferentes actividades municipais que se organizan con motivo das Festas de Entroido.
Audicións de guitarra e piano
Este ano introduciuse unha novidade no programa formativo da Escola Municipal de Música de Ames. As audicións que antes se facían nas aulas da propia escola, este ano pasaron a desenvolverse na Casa da Cultura do Milladoiro co fin de que o alumnado se acostume a actuar nun auditorio e lle perda o medo ao escenario. Deste xeito, este xoves pasado houbo dúas audicións na Casa da Cultura do Milladoiro. Primeiro actuaron os alumnos/as de guitarra e a continuación tocoulle a quenda ao alumnado de piano. Houbo 26 actuacións individuais de guitarra e 62 actuacións individuais de piano.
Especial Disney
Por outra banda, os alumnos e alumnas do coro fixeron unha representación especial de cancións de bandas sonoras de varias películas de Disney. Deste xeito, Sofia Ferreira cantou “No estoy lista para ser princesa”; Celia Proupín e Mario Uzquiaga interpretaron o tema “Bella y Bestia”; Maite Pellegrino cantou a canción “Sueña”, de El Jorobado de Notredam; Marta Costoya e Paula Barral puxéronlle voz ao tema “Un mundo ideal”, do filme Aladín; Aída Raíndo cantou a canción “Colores en el viento”, de Pocahontas; Lucia Núñez e Ayantu Vales cantaron “Bajo el mar”; e Sara Millan interpretou o tema “Brave” de Volaré.
Pero houbo máis actuacións musicais. Rebeca Soliño, acompañada de varias alumnas da escola que se encargaron da percusión, interpretou o tema “When I'm gone Cups”, de Anna Kendrick, e Vicente Carballo, acompañado de Óscar Suárez coa guitarra, cantou a canción “Corre” de Boyce Avenue.
O grupo de violíns, saxos, frautas e guitarras interpretou o tema “Hotel California”, do grupo The Eagles, mentres que as pianistas Lucía López-Suevos Doval e Sandra Abel Grandío tocaron a canción de "La bella y la bestia".
O concerto de Entroido rematou coa actuación dos grupos de combos de adultos e xuvenil. O combo de adultos, que estivo integrado por Rafael Pardo, Óscar Fernández, Luis Durán, Eva Millares e Pepo Suevos, tocaron os temas "Feo, fuerte y formal", de Loquillo, e "Un beso y una flor", de Nino Bravo.
Por outra banda, o grupo de combo xuvenil formado por David Amoza, Oscar Fernández, David Reino e Aída Raíndo, interpretaron as cancións “Oye como va”, de Carlos Santana, e “No importa”, de Garaje Jack.
O programa de actuacións do concerto de Entroido incluíu versións de temas clásicos, partituras pop, bandas sonoras de varios filmes, temas das películas de Disney e outras sorpresas que marcaron o inicio musical do Entroido en Ames. O concerto articulouse a partir de 27 temas musicais, o primeiro dos cales estivo protagonizado polo alumnado de linguaxe musical que interpretou os temas “Bruja y diablo” e “Imitar, tentarei”. A continuación, actuou o coro que interpretou as pezas “Muiñeira do Alén”, a banda sonora de La Sirenita, “Bajo el mar”, e “Hello, goodbye” un tema dos Beatles.
De seguido, tocoulle a quenda á agrupación de guitarras, que interpretaron “El bueno, el feo y el malo” de Ennio Morricone. Tralas guitarras saíu ao escenario o percusionista David Rouco que fixo unha “Lección de Caixa” (método de percusión Podesmki). A continuación, foi a quenda da orquestra de frautas, saxos e alumnos de percusión que interpretaron dous temas: “The Pink Panther” e “The Lion sleeps tonigh”.
A orquestra de saxofóns tamén interpretou dous temas. Antón Riveiro, Ángel Sánchez, Celia Tajuelo, David Paz, Roi Fernández, Juan Martínez e Luis Bao tocaron a peza “Amazing Grace”, de John Newton, mentres que Antón Riveiro, Mara Riveiro, David Paz, Roi Fernández, Juan Martínez e Luis Bao tocaron o tema “Subway”, de Karen Street. Os rapaces e rapazas de Música e Movemento interpretaron o tema “A camiño de Viseu” do grupo Pesdelán.





