Pestanas principais

Os alumnos do programa InserAmes, que xa rexistrou 17 insercións laborais, recolleron esta mañá os seus diplomas

Luns, 21 de maio de 2012

[21-05-2012] O concelleiro de Traballo, Bernardo Moar, estivo acompañado da directora xeral de Promoción do Emprego da Xunta, Ámparo González, no acto celebrado esta mañá no edificio de usos múltiples de Aldea Nova. Moar agradeceu aos alumnos o seu esforzo e dedicación, e destacou que “o Concello de Ames, que ten poucos recursos económicos e humanos, está facendo un importante esforzo para facilitar a accesibilidade ao mercado laboral das persoas que non teñen emprego”.

O concelleiro de Traballo de Ames, Bernardo Moar, entregou esta mañá, acompañado da directora xeral de Promoción do Emprego da Xunta, Ámparo González, os diplomas correspondentes á quinta edición do programa integrado para o emprego 'InserAmes'.

Grazas a esta iniciativa, cofinanciada pola Consellería de Traballo e Benestar, un total de 100 persoas do Concello de Ames están mellorando a súa empregabilidade e aumentando as súas opcións de acceder a un posto de traballo. No marco deste programa, que comezou en decembro e estenderase ata o vindeiro 16 de xuño, acadáronse ata o de agora un total de 17 insercións.

O Concello de Ames é un dos poucos municipios da provincia da Coruña que ofrece este programa, no que se marcan uns obxectivos de inserción laboral dun 35%. Este programa de emprego é o único no que se esixe unha porcentaxe de inserción para recibir as achegas da subvención da Xunta e o Concello de Ames veu cumprindo nos últimos anos esa porcentaxe.

Durante a súa intervención antes da entrega de diplomas, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación do Concello de Ames, Bernardo Moar, subliñou que o Concello é “optimista” e confía en acadar o 35% de inserción laboral que se marca no programa. Moar agradece aos alumnos o seu esforzo e dedicación, e destacou que “o Concello de Ames, que ten poucos recursos económicos e humanos, está facendo un importante esforzo para facilitar a accesibilidade ao mercado laboral das persoas que non teñen emprego”.

Pola súa banda, a directora xeral de Promoción do Emprego da Xunta, Ámparo González, destacou o “éxito” que está a acadar o programa InserAmes, algo que, segundo destacou, “é gratificante para a Consellería de Traballo e Benestar, xa que estes programas integrados son o mellor exemplo do que debe ser unha política activa de emprego”.

Titorización especializada
Desde o pasado mes de decembro de 2011, as instalacións do edificio de usos múltiples de Aldea Nova acolleron o desenvolvemento de InserAmes. Esta iniciativa, que atende a 100 persoas desempregadas, contempla varias accións entre as que destacan completar a formación específica cunha titorización especializada e persoal, o apoio ao autoemprego, e a realización de prácticas non laborais. Con estas accións a estratexia pretende mellorar o acceso ao mercado laboral dos participantes.

A través do InserAmes lógrase mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo. Os sectores básicos nos que incide este programa de emprego, e que son os que aínda rexistran demanda de emprego, son as enerxías renovables e a eficiencia enerxética e o coidado a dependentes. Aínda así, os titores atenden as particularidades de cada caso e son moitos os ámbitos nos que fan asesoramento.