[26-01-2012] Os alumnos do IX Seminario de amigos da viticultura organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames puxeron en marcha un novo blog no que comparten a información que manexan cada luns nas clases. O blog amigosviticulturaames.blogspot.com naceu coa filosofía de ampliar a información das clases con máis documentación e de empregar os beneficios das novas tecnoloxías que permiten o acceso case inmediato á información. En xeral, os 25 alumnos cos que conta esta edición o seminario están moi satisfeitos co blog e aseguran que lles resulta moi útil pois poden consultar dende puntuacións de catas ata artigos sobre a poda ou os tipos de vide.
O IX Seminario de amigos da viticultura organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames por noveno ano consecutivo mantén o éxito de edicións anteriores. Este ano, como novidade, os participantes crearon un blog ao que soben a información coa que traballan nas clases. Os participantes no seminario aseguran que lles é moi útil e que o consultan a miúdo.
Neste curso estanse abordando cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos e achegando información relacionada coas diversas castes propias de Galicia, cos marcos de plantación máis axeitados para a produción e maduración do viño, coas distintas formas de guiar os bacelos e coas melloras técnicas de poda que se deben aplicar.
Este obradoiro goza dunha gran acollida e a el acoden persoas de moi diverso perfil. Hai xente que vai porque ten viñedos e quere perfeccionar as técnicas de obtención e tratamento do viño; outra acode ao seminario pensando principalmente en adquirir coñecementos de cata.
O curso de viticultura supón unha maneira formidable de mellorar as súas explotacións vinícolas profesionais e, tamén, domésticas. Así, os cultivos poderán perfeccionarse e ter unha maior categoría grazas á información sobre os métodos para combater as pragas e os consellos sobre as boas prácticas para unha correcta realización na poda.
O novo blog amigosviticulturaames.blogspot.com é moi útil para os asistentes ao seminario, pero está aberto ás visitas de todo aquel que se interese polo tema da viticultura.




