[20-03-2011] Esta semana remataron os cursos de iniciación á internet destinados aos membros do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) e organizados polo departamento da Concellería de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico na aula de informática do Milladoiro. Os sete alumnos que finalizaron o curso con éxito recolleron os diplomas que acreditan os seus coñecementos básicos no manexo da internet de mans do concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, e da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González.
Coa intención de iniciar aos maiores do concello na navegación por espazos básicos da internet, o Concello de Ames, ao amparo do programa de Alfabetización Dixital elaborado pola Concellería de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, puxo en marcha un curso de iniciación á internet destinado aos membros de JUPEMI (a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro) que se celebrou dende o pasado 19 de xaneiro ata o 16 de marzo. As clases tiveron lugar todos os mércores pola tarde, en horario de 16:30 h. a 17:30 horas, na aula de informática da Casa da Cultura do Milladoiro.
Esta semana finalizou o curso, polo que os sete alumnos que asistiron a todas as sesións recolleron de mans do concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, e da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, o diploma que acredita que acadaron uns coñecementos básicos no manexo da internet.
Nas primeiras semanas do curso, tomaron contacto cos elementos básicos que conforman un ordenador -a CPU e os elementos periféricos como a pantalla, o teclado ou o rato- e aprenderon a realizar diversas tarefas sinxelas como cambiar o fondo do escritorio, mover as iconas dos programas, crear e ordenar carpetas de contidos, etc.
Tendo xa unha idea básica do funcionamento do ordenador, os sete alumnos aprenderon a usar a internet para actividades da vida cotiá como poden ser navegar pola páxina web do concello, ler as edicións dixitais dos xornais, pedir cita para o médico de cabeceira ou manexar os principais buscadores -como google- para obter información sobre calquera cousa. Ademais, crearon cadansúa conta persoal de correo electrónico e recibiron as instrucións básicas para saber enviar correos electrónicos, abrir os recibidos, cargar arquivos nos envíos, gardar contidos recibidos en distintas carpetas do sistema de correo, etc.
Deste xeito, estas persoas están perfectamente capacitadas para valérense por si mesmas á hora de manexarse pola rede, un aspecto fundamental na vida de hoxe en día que ao mesmo tempo pode facilitarlles moito as cousas ás persoas maiores, ao ser a internet un medio fabuloso para o contacto con outras persoas -a través das redes sociais-, para o acceso a calquera tipo de información e contidos, así como para realizar distintos trámites, coas administracións públicas ou con calquera outro tipo administracións como a bancaria.
Deste xeito, o Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro continúa a realizar actividades que buscan mellorar a cultura e capacidades dos seus membros, ao tempo que facilita que o concello poida usar as súas instalacións para todo tipo de actividades destinadas á poboación amiense.




